Opinión

Katechon

Desindustrialización, 'pelotazo', 'despelote' e terrorismo de Estado marcaron o reinado de Juan Carlos I. 1992 foi o ano do apoxeo. 2008, o da defunción. O felipismo foi hexemónico ata que o aznarismo anunciou os novos tempos. A corrupción borbónica que agroma coma xurro faino con décadas de atraso.

O capítulo da 2ª Restauración Borbónica no que estamos, o de Felipe VI, mostra menos capacidade para agachar a súa natureza oligárquica que os tempos do pai, obrigado a ofrecer algo diferente ao convento-cuartel franquista para lexitimarse. Pero volve o toque de corneta: PSOE, PP e Vox constitúen as liñas de defensa da monarquía, clave de bóveda de demasiadas cousas. Todo é moito máis vulgar e evidente hoxe. Por iso hai liñas de fuga en forma de fragmentación do voto. Os vellos anzois están algo romos. A polítiquería histérica ten como reverso o estreitamento do posible nas canles institucionais. Dúas cousas deberían preocuparnos: 1. A falta de estratexia dos partidos que manteñen o goberno central para evitar o chuleo constante do PSOE. 2. A resignación social perceptible na falta de mobilización.

A 2ª Restauración Borbónica de Felipe VI parécese moito á primeira. A diferenza: para embridar o sufraxio universal cómpre aferrollar o servilismo mediático ao máximo. Na 1ª Restauración, Cánovas teorizou a primacía do principio monárquico sobre o principio democrático. Hogano, a razón de Estado, epítome do principio monárquico, esgrímese coma o Katechon bíblico que, para Carl Schmitt, impregnaba a acción da Igrexa co fin de manter a ortodoxia e conter a aparición do Anticristo. O principio democrático é o Anticristo na España do século XXI como o foi na do século XIX e XX. De aí a escaramuza do PSOE para elaborar unha lei sobre a coroa saltando o parlamento. De aí a preocupación da casa real por facer explícito que partidos son desafectos ao réxime á hora de informar sobre o seu patrimonio (todos partidos soberanistas). E de aí, tamén, que ante o escándalo de espionaxe co programa 'Pegasus', Margarita Robles non teña empacho en recoñecer que se espiou cargos electos porque o Estado debía defenderse. Unha vez máis, a historia de España repítese deste xeito: a primacía do Estado, entendido como monarquía e oligarquía, fronte as nacións, os pobos, o demos.

Karl Marx describira a España do XIX coma unha realidade asiática. No presente, con todo este panorama, estámosche apañados para dar leccións de democracia e sociedade civil a rusos e chineses.

Comentarios