Opinión

Italia

Vladimiro Giacché vía a anexión da RDA por parte da Alemaña occidental coma unha Anschluss, nome dado á anexión de Austria nos anos 30. Coma se dun Mezzogiorno teutón se tratase, a reunificación deixaba unha Alemaña oriental que non converxía coa occidental. A Anschluss explicaba o futuro subalterno que agardaba aos países sureuropeos no euro.

No contexto da crise de débeda soberana -e tras a capitulación do goberno Syriza- Yanis Varoufakis lembraría tamén a «Treuhandanstalt», a axencia fiduciaria occidental encargada de liquidar os activos públicos da RDA, para explicar as funcións dunha das axencias creadas no Cumio do Euro de 2015 co fin privatizar bens gregos. Que Giacché sexa italiano non soprende. E non só polos paralelismos históricos que existen entre Alemaña e Italia, en tanto que Estados de unificación tardía. Se hai unha economía que sacou poucos réditos da participación no euro esa foi a italiana, estancada desde entón. 

Todo pasa antes en Italia. A «pop-lítica» que hoxe triunfa en toda parte agromou antes alá. O berlusconismo profetizou o tipo de criaturas que produce un modelo económico baseado na débeda non monetizada. Desde entón, Italia pare monstros a eito. Monstros que se tentan domesticar con outro tipo de monstruosidade: a tecnocracia. Tras o paso fugaz de Mario Monti, tócalle a quenda a outro Mario, Draghi, o tecnócrata do BCE que salvou o euro de si mesmo incumprindo temporalmente os dogmas ordoliberais. Mario Bros Revenge. Italia é o escenario dunha peza teatral que mostra o signo dos tempos. O drama que se representa é o da morte da socialdemocracia. O bipartidismo formado por populismos fascistoides ou antipolíticos e tecnocracia neoliberal, acusa co dedo a unha socialdemocracia zombi que, contra o augurado, está desaparecida desde a fin da URSS. 

Chequia, que non mudou a coroa polo euro, superou en PIB a España. Como influirá o último acto do teatro italiano neste Réxime do 78 mutado en réxime de 2011 tras a reforma do artigo 135 da Constitución? As vindeiras eleccións catalás poden marcar o horizonte. Un PSOE que precisa dos votos de ERC en Madrid e que só poderá formar goberno con ese partido en Barcelona, unido a un PP que pode afundirse (aínda máis) en Cataluña a costa de Vox, ben pode deixar como solución, para seguir camiñando sobre o aire, o recurso á providencialidade tecnócrata que maquille a Gran Coalición, dispositivo pouco funcional cando se trata de salvar as apariencias. 

Comentarios