Opinión

A insoportable levidade de Bezos

A competición entre os EEUU e a URSS pola conquista do espazo era algo máis que unha cuestión de chauvinismo. Independentemente do grao de materialización conseguido por cada un deses Estados, ambos pretendían representar á humanidade toda ofrecendo dous modelos diferentes de civilización.

Os EEUU daban preferencia á realización da humanidade a través dos logros do individuo: “Este é un paso pequeno para un home pero un gran salto para a humanidade”, diría Neil Armstrong ao pisar a lúa en 1968. A URSS primaba a realización común a través dos logros colectivos: “Aínda que só unha persoa estaba a bordo da nave espacial, foron necesarias decenas de miles de persoas para que fose un éxito”, diría Yuri Gagarin tras a súa saída ao espazo exterior en 1961. Os dous proxectos aeroespaciais compartían características: o seu financiamento non sería posible sen participación pública e ambos se presentaban arroupados por un aire de trascendencia histórica, como se cada potencia quixese marcar o seu propio tempo de clivaxe por riba da política mundana.

Esta semana, Jeff Bezos, fundador de Amazon, foi noticia por cofinanciar e tripular un voo ao espazo exterior. O exdono da quintaesencia do capitalismo de plataformas emprendeu esta aventura coa pretensión de inaugurar unha banalidade: o turismo espacial. No tempo dos superricos e do sector público minguante, algo semellante ao soño individualista de Armstrong —semellante, mais moito máis modesto na súa realización técnica— xa é posible con financiación privada. Canto á frase para a historia de Bezos, e en contraposición ao espírito da frase de Gagarin que citamos, cabe dicir que tamén estivo á altura do personaxe e do cambio de paradigma: o executivo agradeceu aos traballadores e clientes de Amazon, con cinismo rampante, teren pagado o seu capricho.

Bezos e as tres persoas que o acompañaron, un deles o primeiro cliente turístico, ascenderon o bastante a respecto da superficie terrestre como para experimentar a sensación de ingravided. Se, como escribira Christopher Lasch, as elites neoliberais están en plena “rebelión” para deixar atrás as masas (a vella humanidade aínda citada nos discursos de astronautas e cosmonautas), imaxinar a este grupo de privilexiados gozar durante uns escasos catro minutos da levidade e falta de amarras físicas que supón vencer a lei gravitacional é toda unha metáfora; e indicio suficiente do que pode estar a correr por esas mentes perante problemas globais como a crise climática.

Comentarios