Opinión

Indultos

Ogoberno central indultou os presos políticos cataláns. Antes, o Consello de Europa emitía un informe que deixaba mal parado o poder xudicial español e o TEDH recoñecía o dereito á liberdade de expresión do abertzale Tasio Erkizia. A lista do nesgo da xudicatura castiza é longa. Por mencionar casos recentes: a resolución do CGPJ cuestionando a ilegalización da Fundación Franco ou a desestimación por parte do TC do recurso do sindicalista da CIG Pablo Fragoso, acusado de ultraxe á bandeira. A imaxe da xustiza española na contorna europea, coméntase, é semellante á de países como Turquía.

A comparanza entre Turquía e España ten longa data. A mediados do s. XIX, un fino analista chamado Karl Marx fíxoo nos seus artigos para o New York Daily Tribune. Falaba Marx de “despotismo oriental” e da distancia existente entre a “camarilla” (sic) gobernante e os pobos da península. A monarquía absoluta, escribía, atopara en España “a base material que pola súa propia natureza repelía a centralización” e sinalaba que aquela nunca fora quen de crear un espazo de intereses compartidos. O Mouro, que suliñaba tamén a inoperancia do absolutismo para crear un “sistema de administración e lexislación xeral uniforme”, vía na pervivencia desa rica vida local a explicación de que, coa invasión napoleónica, os pobos conseguisen resistir malia que o Estado, a “camarilla”, desaparecese ou colaborase co inimigo.

Dada a visión que hai da xustiza española alén Pirineos, semella que Sánchez quixo mitigar os posibles efectos negativos sobre o poder xudicial de futuras sentenzas europeas. De novo, a dialéctica política establécese en Hespaña entre a vontade da “camarilla” –con Felipe VI á cabeza- de manterse na poltrona dilatando todo cambio substancial e os pobos que, co seu espírito insurreccional contra un Estado vivido como alleo, tratan de ensanchar os seus dereitos e liberdades. Sánchez representa o españolismo europeista, o do Ortega que vía en Europa a solución. A dereita, fiel á súa tradición, amosa a pata illacionista.

Non sabemos se os indultos son un parche sen horizonte, se apenas son a vía para que o malabarista Sánchez esgote a lexislatura na procura dun tempo electoral máis propicio. Si sabemos que, solucionado en parte o problema penal, o problema político que supón a falta de correspondencia entre a España das leis e a Hespaña material vai seguir estando aí, e a renitencia da “camarilla” para abordalo tamén.

Comentarios