Opinión

O importante e o accesorio

Teño unha boa nova e outra mala.

A boa é que o estado-nación España xa non existe. A mala é que ese estado-nación concentrou e multiplicou o seu poder exponencialmente. 

O estado-nación, como proxecto da burguesía ascendente, contiña elementos emancipadores. Na Globalización, os estados-nación retoman o absolutismo: reducidas elites móbiles fieis a superestruturas despolitizadas vs. masas territorializadas sen axencia. 
O estado-nación España non existe porque hai moito que non decide sobre a súa economía. Mais non só: da podredume do Réxime do 78 agroma un Estado dentro do Estado. É o repregamento previo á expansión dun tumor novo. A CA de Madrid é ese Estado dentro do Estado. Aglutina recursos económicos, políticos e mediáticos suficientes como para bloquear a autorreforma dun estado-nación con coñecidas dificultades históricas para ser viable.

Botando man do concepto de David Harvey da acumulación por desposuimento —no que este fai referencia ao uso do Estado—, pódese dicir que a CA de Madrid leva anos sendo o ariete dos poderes dominantes para seguir acumulando riqueza a base de desposuír a cidadáns e territorios. Este fenómeno de longa data —de aí, en parte, a formación de nacionalismos alternativos no s. XIX— vese hoxe agravado. Que milleiros de cataláns se convertesen ao independentismo en masa e que aparezan novos cantonalismos non é casual. 

O xesto de autoprotección catalán ten sentido: a súa economía —e a vasca grazas ao concerto— é a única que resiste ao proceso de succión madrileña. Os galegos e galegas deberiamos tomar nota. Tamén da traición das nosas elites.

Nos últimos días asistimos a un vodevil protagonizado polo PP. Pero para ler o significado dese sainete cómpre deslindar o importante do accesorio: o que semella un asunto circunscrito á dexeneración moral dunha organización é, en realidade, un episodio máis da dexeneración do R78 e unha excrecencia do ascenso de Madrid. Velaquí o importante.

O Estado dentro do Estado creou primeiro Ciudadanos e despois Vox para proxectarse. O segundo triunfou onde fracasou o primeiro: quebrar o PP en tanto que partido español. Hoxe a Corte é máis Corte ca nunca. E a monarquía non é un axente pasivo.

Se Feijóo marcha a Madrid, cando o pobo galego acaba de revalidalo como presidente, non só estará demostrando o papel secundario que nos outorga: estará sendo cómplice dunha mutación do Estado concebida para expoliar e dominar aínda máis a nosa terra. 

Comentarios