Opinión

Imperios sen colonias

Nun artigo de opinión dun dixital español argumentábase contra o carácter colonial da especialización do Estado na produción enerxética "verde". Considerábase hiperbólico e estimábase que mobilizacións como a de Compostela contra o espolio eólico eran perigosas para o ecoloxismo e abrían o camiño a un nacionalismo enerxético español reaccionario (como se non campase xa un nacionalismo español reaccionario; atlantista e neoliberal, iso si).

Semellaba que o artigo pretendese fiar máis fino á hora de describir unha relación de desigualdade estrutural entre territorios. Tarefa loable. Pero de facto remataba cunha emenda á totalidade do esquema centro-periferia no capitalismo europeo. A UE, logo, sería un terreo de xogo neutro no que se desprega unha sorte de loita de clases pura e a esquerda, incapaz nin de dar unha orientación socialdemócrata á eurozona, estaría en disposición de dirixir a "transición verde" con criterios demo-cosmopolitas. Eurocomunismo reloaded.

Malia as pretensións razoables, o debate sobre o marco colonial ten trampa: desarmar calquera concepción que apunte á subalternidade política duns pobos e territorios respecto doutros. Na xeografía da loita de clases abstracta todos os gatos son pardos. O Imperialismo devén Imperio.

Nos 80 houbo rexoubeo co de colonia ou champú. Mais no caso galego a lectura periférica do país é máis antiga que o marxismo dos anos 60-70 e abrangue tanto aos precursores do XIX como aos nacionalistas de preguerra. Menos dúbidas xera a xénese imperial do Estado español que hoxe é ideoloxía oficial con centro de acumulación en Madrid. O eco-negrismo fai no marco europeo o que fai no Estado a socialdemocracia de aire decimonónico que esgrime o neoxacobinismo español: renegar do antimperialismo leninista.

Hai uns días, Wolfgang Streeck caracterizaba a UE coma un "imperio liberal centroperiferizado"  pero fracasado á hora de xogar un papel a escala global. A guerra de Ucraína demóstrao. As diferenzas dentro da UE volverán ser evidentes co anuncio do BCE de subir os tipos de xuro e renunciar á compra de débeda pública. Albino Prada alertou de que provocará un descenso do gasto público e un aumento do paro nos sospeitosos habituais: os estados do sur. Agarrémonos, vén engadir Prada, o baile da prima de risco ameaza con regresar. Entrementres, os negrianos españois soñan cos muíños de vento de Iberdrola transformados en bens comúns por arte de maxia.

Comentarios