Opinión

Imperio

Dicía Kipling que o home branco portaba canda si unha carga pesada. Tamén España leva ás costas a súa propia carga, menos gloriosa do que fantaseaba o imperialista británico. Esa sombra proxéctase demasiado sobre un Estado que, por non deixar de ser imperio, non pode ser nación. 

Acontecementos en Chile e Marrocos fixeron rexurdir pantasmas. Un imperialismo espectral que xa pairaba sen complexos na produción intelectual, ben en forma explícita —o coñecido libelo sobre a lenda negra—, ben en forma de nostalxia de comunidade e patria construída cos únicos e penosos materiais que pode ofrecer o significante España —o neocasticismo literario que experimenta tempos de certa gloria.

Heróicas xornadas de loita nas rúas levaron a Chile a un proceso constituínte. O pobo mandou unha mensaxe nídia ás súas elites nas eleccións locais: a convención nacional terá maioría de esquerdas. Salvo novidade, a constitución pinochetista quedará atrás. No país austral, a sombra imperial española escurece o panorama por partida dobre. Por unha banda, porque o laboratorio neoliberal que foi ese país se inspirou no infausto Réxime do 78 para levar a cabo o seu propio proceso de branqueamento das elites fascio-liberais. Pola outra, porque o goberno volveu ofrecer a colaboración española para o proceso de elaboración da nova Constitución. Ínfulas dun imperio vindo a menos que, tendo políticos no cárcere, pretende resolver problemas alleos sen saber resolver os propios. 

En Marrocos, xendarme de alfándega a soldo dos EUA, o emprego de traballadores migrantes como carne de canón coa que negociar tamén trae á palestra o legado imperial. E faino tanto polo nefasto rol de España na cuestión do Sáhara occidental, como pola extemporaneidade dos enclaves coloniais de Ceuta e Melilla en chan africano, como polo irracional odio ao mouro que rebrota no estómago de novo rico do españolito de a pé.

A persistencia destes tics imperiais e a capacidade da segunda restauración borbónica para resistir a autorreforma ou a ruptura, provoca, en quen isto escribe, reaccións semellantes á dos rapaces de Trainspotting que se preguntaban que tipo de xente eran os escoceses se quen os colonizou fora un pobo tan imbécil coma o inglés. Mentres non chegan as novidades da Escocia do SNP, agardemos, logo, que sexa Chile, a república que inventou o xeito de disparar a pelota máis alambicado que existe, quen consiga marcar un goliño por todas e todos nós.

Comentarios