Opinión

Holograma Alberto

Hai uns días vin o filme Boiling point (Philip Barantini, 2021). Un plano-secuencia de 92 minutos que transcorre nun restaurante británico. Varios actores e extras executan unha coreografía que mostra a extenuación do protagonista, un chef sometido a moita presión profesional e persoal que aguanta o tipo ata que fai crac.

Como contraste ao uso do plano-secuencia lembro, por exemplo, a película de Alejandro López Iñárritu, Amores perros (2000). É o pólo oposto. Trátase dun videoclip de metraxe longa conformado por centos de planos fugaces acompasados á banda sonora. Unha narración sincopada e moi mediada pola técnica na que os actores traballan cunha cómoda rede. O plano-secuencia ten tamén algo de manierismo, pero nel a primacía do traballo actoral é total. En troques a montaxe, sobre todo cando se transforma en efectismo, encaixa naquilo de que "o medio é a mensaxe".

Nos anos en que Feijóo exerceu de presidente de Galiza, os grandes medios de comunicación de masas (públicos incluídos) crearon un enorme filme interpolado de abondosos planos pechados sobre o personaxe. Esta técnica sedimentou a sensación de que Feijóo era realmente un político sólido, ben temperado e bo xestor. En realidade, tratábase dun patchwork composto de pequenas mentiras que formaban unha máis grande. Os grandes medios de comunicación galegos fixéronnos confundir a persoa co holograma. Apenas vimos o Feijóo real, vimos a arte de empaquetar e vender un produto. A nada que Feijóo se vía abocado á crueza do plano-secuencia (lembremos o debate televisado das pasadas autonómicas) aparecía o ser gris e inexpresivo que en realidade é.

Agora que o neno dos Peares aspira a medrar na Corte -renovando o pacto das elites galegas con España que Manuel Veiga acuñou como "identidade por [suposto] progreso" (2003)- os galegos e galegas rexoubamos ante este Feijóo que, como o cociñeiro de Boiling point, súa en frío na exposición que lle esixe o cargo. O sometemento diario de Alberto Núñez a estresores fai abrollar as carencias performativas de Feijóo. Os españois están a descubrir que Feijóo é un experto en trumpismo antes de Trump e os galegos están a descubrir ao metezocas que hai en Alberto Núñez. Quid pro quo.

Feijóo despídese de nós usando as institucións galegas para pacificar o PP e facer oposición en España. Quen chegou a Presidente cabalgando unha onda de mentiras sobre a lingua galega só podía abandonar o cargo cun xesto de análogo desprezo a este país. Que vaia embora.

Comentarios