Opinión

Hey, Hey Vigo

Sen poder aínda calibrar a súa funcionalidade coma nó de transporte público, hai algunhas impresións sobre a nova estación/centro comercial de Vigo que quixera compartir. A praza de Via Norte está chamada a ser un lugar de encontro que mudará os usos desa zona. Ademais, a obra mellorará a conexión entre barrios separados pola fronteira da autoestrada, o cal é unha boa nova. 

Cousa distinta é a impronta que deixa a entrada principal. A “fachada Potemkin” da antiga estación empotrada ao muro de Urzaiz, lonxe de establecer un diálogo entre o vello e o novo, semella un pastiche colocado alí onde había un oco. O desmesurado das letras luminosas que anuncian estarmos en Vialia Vigo, os reflexos de cristal e os rótulos das principais franquías producen a sensación de asistir á aterraxe recente dun OVNI. Un alien esteticamente intrusivo que privatiza visualmente o espazo público. Un emplasto deprimente de homologación cultural capitalista. Como afectará todo isto ao pequeno comercio de Casablanca e o Calvario aínda está por ver.

Detrás do brilli-brilli e das publirreportaxes porno nos medios locais, o que temos é unha estación destinada á chegada do AVE de Madrid. Vigo, como toda Galiza, é excepción na cuestión das proximidades. Un drama en si mesmo que, segundo xa se alertou, é probable que contribúa a que a AP9 sature cando o centro comercial se poña en funcionamento. Pero isto non é achacable só a Caballero.

A alcaldía do pontareán pasará á historia como a de alguén que interveu a fondo na fisionomía da cidade. Ninguén se equivoca sempre e non todo o que fai este home é malo.

Pero alguén na oposición debería comezar a socializar os números sobre os custes e beneficios de converter unha cidade creativa, industrial, portuaria e comercial nun parque charramangueiro ao servizo das grandes franquías. Máis ao sur, Porto tamén se está transformando. É nodo de turismo de masas global. Non é o mellor plan, pero é un plan. Mais Porto ten un patrimonio envexable e un aeroporto internacional. Ademais, a especialiación no turismo non impide que Leixões/Matosinhos sigan sendo centros industriais potentes. Que Vigo deixará Caballero cando os flashes esvaezan? 

Non tendo un modelo de cidade, Caballero si captou algo da nova socioloxía urbana. Malia ser Vigo unha cidade pequena, os vigueses gostan das políticas enfocadas a grandes proxectos. Á oposición de esquerdas fáltalle traballar nesa clave, pero cun modelo propio de cidade e propostas que permitan visualizalo.

Comentarios