Opinión

Extrema esquerda de orde

Néstor Kohan sinalou a conexión existente entre posicións a priori tan distantes como as do movemento autónomo e as da socialdemocracia anterior á III Internacional. Kohan ve no "Ultraimperialismo" de Kautsky un parente afastado do "Imperio" de Negri. Ten lóxica: se uns non problematizaban o imperialismo, os outros declarárono superado. Ambos os dous son eurocentrismos criticados polo antiimperialismo de Lenin e dos teóricos do sur global que lle seguirían.

No Estado español, o antecedente máis coñecido dese estraño casorio entre certa extrema esquerda e a socialdemocracia é o grupello Bandera Roja. Un tipo de orde como Enric Juliana, quen gaba o seu legado, escribiu que foron "puntal da liña eurocomunista". Solé Tura, quen sería poñente da Constitución de 1978 polo PCE e ministro con Felipe González, formaría parte da organización. Outros membros coñecidos, como Josep Piqué ou Celia Villalobos, acabarían en lugares aínda máis abracadabrantes.

No Estado español dos setenta, coma no presente, a cuestión nacional era determinante. O PSOE, unha cuadrilla que cabía nun bus, financiada desde o estranxeiro, loitaba co PCE pola hexemonía da oposición ao tardofranquismo. Ao tempo que rexeitaba o marxismo, o PSOE ensaiaba o oportunismo autodeterminista contra un PCE que abrazaba a "reconciliación nacional" e acabaría desligándose do leninismo. O historiador Juan Andrade cóntao ben nun libro.

A Yolanda Díaz que regresa á casa carrillista, imitaba en AGE o esquerdismo sobrevido e fugaz do PSOE dos setenta. Porén, o exemplo máis gráfico desa continuidade entre extrema esquerda e orde prodúcese no chamado municipalismo. Non en van, tamén de Bandera Roja eran Manuel Castells ou Joan Subirats, prohomes dos Comúns. Partido, este, abandeirado, no máis cru do Procès catalán, do cínico "nin, nin". O municipalismo é o negrismo hispano. Un postestatalismo e posnacionalismo que, casualmente, sempre atopa adecuados como marco de acción os límites dun estado concreto: o español (e os da UE, e os da OTAN). Unha lectura postimperial do capitalismo bañada de antiinstitucionalismo retórico que só se organiza seriamente para disputar comicios electorais. "Selectos, influentes e ben colocados", dicía Juliana dos Bandera Roja. Amigos da política de mesa de braseiro, diriamos aquí dos municipalistas. Con certeza, serán os primeiros en subir ao carro da operación mediático-palacega (enésima tras UPyD, C´s, Errejón e Vox) na que anda envolta a de Ferrol.

Comentarios