Opinión

Experiencia e shock

Dise que os medios de comunicación de masas manipulan o pobo. Como se esta manipulación consistise na arte de facer trucos de prestidixitación ante unhas masas bovinas. É unha visión elitista do asunto. Parte da crenza de que só algúns intelectuais escollidos, cun plus de consciencia, se salvan do embrutecemento.

En realidade, cada un faise unha composición do mundo a partir da súa experiencia: racial, de clase, de xénero… A partir de aí, amplía horizontes estudando, lendo, vendo películas, informándose, viaxando se pode. Os grandes medios de comunicación aprovéitanse desa ansia humana de ampliación de horizontes e da falta de tempo para acceder a outras visións máis complexas dos problemas políticos. O traballo dos media non consiste en enganar. Ninguén, nunca, engana ninguén. O traballo dos media consiste en producir baldes de sentido común cargados coa experiencia do poder para deixar claro que esta é a única socialmente aceptable. Non se trata só de eliminar calquera expectativa de que a experiencia das persoas teña algún valor. Trátase de ameazar, veladamente, de que expresar unha experiencia que difira da experiencia do poder ten custes. Esa é a auténtica función dos media: disciplinar a experiencia.

Nunha nova recente reproducíanse declaracions de Ana Peleteiro. Nelas, a atleta galega dicía tres cousas sobre a guerra en Ucraína. Condeaba a invasión rusa. Lembraba que había máis conflitos no sur global aos que non se lles dá tanta visibilidade. Analizaba as repercusións na alza do prezo do gas que tería a guerra. Semellaba Peleteiro achegarse á cuestión con boas doses de experiencia propia. A de alguén que está a ver unha invasión e condéaa. A de alguén que vai máis alá, se cadra porque experimentou na súa vida que significa non ter un ton de pel “occidental”. Por último, a de alguén que intúe as implicacións materiais que para a vida cotiá da xente tería a escalada do conflito.

Dise que tras a Primeira Guerra Mundial, que en tantos aspectos lembra os tempos que estamos a vivir, houbo unha crise da experiencia. A dunhas masas en shock despois de asistir ás atrocidades da guerra. Naomi Klein acuñou o sintagma “a doutrina do shock” para describir o xeito en que o neoliberalismo impuxo as súas políticas antipopulares. Na decadente Europa do presente os grandes media (verdadeiros partidos políticos) están a infrinxirnos outra doutrina do shock que pode levar o continente á irrelevancia e ao autoritarismo.

Comentarios