Opinión

O Estado das nocións

Feijóo tratou de colocar dous ítems no debate do estado da nación. 1. A gratuidade da escolarización de 0 a 3 anos. Medida non redistributiva, pola que a Xunta transferirá cartos públicos á educación privada e premiará as rendas altas matriculadas nas (poucas) escolas infantís públicas. 2. A Teoría do Político Moderado, enchoupada do gusto actual pola performatividade discursiva: un non é o que fai senón o que di que fai. Con isto, a prensa progresista estatal ten material dabondo para seguir facendo de Feijóo o novo Gallardón; un Golem co que bater sobre Casado e Ayuso indiferente ao futuro de Galiza. 

Canda o Feijóo “centrado”, vimos o Feijóo macarra. Un papel, todo sexa dito, para o que, como orador, non está dotado. Mais que Feijóo bote man dese perfil indica que: 1. A súa proposta política para Galiza está baixo mínimos. 2. Vese na obriga de atacar marcos ideolóxicos e culturais que o PPdeG sempre soubo cooptar sen confrontar, o cal é bo sinal. 

Tras as loas ao entendemento PP-PSOE, deslizou Feijóo un soño húmido: un cambio na lei electoral que elimine adversarios políticos molestos. Enleouse Feijóo, que nin se esforzou en cotexar o criterio da RAG, nun debate bizantino sobre se Galicia ou Galiza; el, que no mesmo discurso citou, se cadra sen saber moi ben o que facía, a Paz Andrade, reintegracionista confeso. Neste contexto de afeamento filolóxico, opúxolle Feijóo a Ana Pontón a institucionalidade autonómica, como se esta non fose o froito tardío dun señor apelidado Castelao -antifascista, patriota galego e autor do Sempre en GaliZa- que loitou ata a extenuación para que o Estatuto de 1936 fose aprobado. É probable que o nome de Castelao lle soe a Feijóo polas medallas que entregou en varias ocasións.

Feijóo non ten unha noción clara sobre a nación. O seu perfil de home de negro ao servizo de consellos de administración evidenciouse, no debate, dun xeito oblícuo e algo mediocre: a obsesión polo cartafol de instituto de Ana Pontón posuía esa mestura entre o escuro e o patético que Nabokov expuxo con mestría naquela novela sobre un home maduro turbado por unha adolescente. Canda o escabroso, o paradoxal: CIU e PNV sostiñan gobernos de PP e PSOE nos tempos precrise financeira.

Caballero pronunciou un discurso ben Formoso, cheo de citas de Pedro Sánchez; mais no Parlamento evidenciouse que só existen dous grandes xeitos de concibir Galiza. Un contraste nítido sobre o que os galegos e as galegas se terán que pronunciar no seu momento.

Comentarios