Opinión

Esperanzas e frustracións

Estaremos atentos ao desenlace, pero dada a ameaza da patronal eléctrica de pechar as centrais nucleares despois de que Pedro Sánchez anunciase a súa vontade de tocar un pouco os seus beneficios, ao presidente español pónselle, por momentos, cara de Mitterrand, o último socialdemócrata que quixo aplicar medidas dignas dese nome e que acabou recuando ante a presión do capital. Por sorte, Sánchez pode defenderse alegando que o PSdG votou en contra de compensar un chisco na factura da luz o uso voraz que as eléctricas fan do territorio galego.

A coxuntura, din algúns, sopra a favor de certo regreso da socialdemocracia. Joe Biden desmonta o modelo Chinamérica e o SPD, segundo as enquisas, pode emular aos laboristas noruegos vencendo nas primeiras eleccións alemás sen Merkel. Se, finalmente, hai nova onda progresista, cedo comprobaremos canto terá de socialdemócrata e canto de socioliberal.

O PSOE de Sánchez deu mostras, o pasado 11 de setembro, de desexar con moita forza o regreso das políticas socialistas. Non me refiro, obviamente, ao nivel de sometemento aos EEUU que supuxo emitir o telexornal da TV pública desde Nova York. Refírome ao chío da conta oficial de Twitter no que o partido lembraba outra efeméride: o inxusto derrocamento do goberno Allende en Chile e a súa substitución por unha ditadura militar neoliberal. Ten interese o interese do PSOE por Allende. O país austral tomou como modelo a Transición española para facer o seu paso "sen drama" da ditadura á democracia neoliberal. O Chile de hoxe, que recupera a memoria de Allende, atópase en pleno proceso constituínte. Como no Estado español, a Constitución pinochetista era un dique de contención das demandas democratizadoras dun pobo que, tras aguantar décadas sendo laboratorio neoliberal do mundo, dixo basta (outro tema é canto debe sufrir un pobo para dicir basta). Tamén nisto debería fixarse o PSOE: os corsés herdados do 78, que hoxe apretan tanto na xudicatura, como na coroa, como na reforma do Estado, son un impedimento para a democratización. Por iso a mesa de diálogo de Cataluña ten altas probabilidades de fracasar (como parece que sospeitan os milleiros de cataláns cabreados que saíron ás rúas na Diada). O cal, seguro, será malo para os cataláns, que verán, de novo, as súas arelas políticas frustradas; pero, sobre todo, será malo para o Estado español, que simplemente é disfuncional (salvo ditadura, claro) sen unha Cataluña realizada politicamente.

Comentarios