Opinión

De escisións e sínteses

1845, Benjamin Disraeli –futuro primeiro ministro do Reino Unido– láiase na novela Sybil or The Two Nations da fractura que o capitalismo introduce na sociedade. Unha quebra entre ricos e pobres que se traduce en diferenzas abismais no xeito de vestir, alimentarse, falar. No presente a polarización permanece no económico. No cultural, dirá Pasolini, procedeuse a unha «homologación».

Cos plans tecnocráticos de finais dos 50, o franquismo creou a clase media propietaria. Un estrato rendista sobre o que se construirá o consenso. Este bloque hexemónico impuxo durante a Transición o seu sentido común e mitigou a escisión das dúas nacións de Disraeli. En paralelo, a creación das autonomías adormiñou o problema nacional (este literal) inherente á deficiente construción do estado-nación. 

O crac financeiro de 2008 feriu o modelo inmobiliario castizo. A pandemia fixo o propio co simbiótico modelo turístico. A orde saída do tardofranquismo abala. Dun xeito naif, o 15m anunciou que España tamén se escinde nas dúas nacións de Disraeli. A clase media propietaria, consumidora de prensa tradicional e votante do bipartidismo, por un lado, a xuventude precaria, nativa de Internet e abstencionista ou votante de novas opcións políticas, polo outro. O PSOE, malia a súa elocuente resistencia á regulación dos alugueres, saíu da fochanca. Pero os disturbios tras o encarceramento de Pablo Hásel alertan dun 15m encabuxado. O referendo de 2017 en Cataluña anunciou que a outra fenda tamén supura. O merecido plante de todos os soberanistas ao Borbón na «conmemoración» do 23F actualiza a hemorraxia.

A Orde Nova debería saír dunha síntese que coordine as enerxías emanadas da escisión-15m coas da escisión-soberanista. Cabe tal síntese? O falanxista Primo de Rivera caracterizou a historia española como unha loita entre xermanos e bereberes. A épica da Reconquista. Os primeiros serían a elite dominadora e gobernante, os segundos, o pobo pasivo de perdedores. Castela/Madrid o faro rector. A vitoria franquista non se entende sen a aplicación sobre o propio pobo dunha guerra colonial aprendida no norte de África.

Velaí o substrato ideolóxico de Vox.

As esperanzas postas nos fondos europeos, santo ao que se poñen todas as candeas, renova como farsa a autopercepción das elites como enxerto xermánico alleo aos pobos.

Para esta lumpenburguesía todos somos estranxeiros. Se a esquerda estatal entendese isto, avanzariamos. 

Comentarios