Opinión

Envolvente

Partamos de 3 ideas: 1. Unha bici sen ciclista precisa da inercia para non caer. 2. Catalunya é un enorme gran no cu para o R78. 3. Case nada do que pasa en política é casual. Que está a suceder?

A bicicleta: a esquerda partidaria estatal montou un deses actos con sofá branco -cuxa inanidade xa coñecemos en GZ- tan pletórico na propaganda como baleiro na política. A clave: recrear, a través do feminismo, o momento «tribuno do pobo» populista. Problema: 3 das 5 mulleres están en institucións de goberno, coas súas impotencias obxectivas e subxectivas. A que máis encaixa co efecto novidade que demanda ese rol apenas achega votos dadas as peculiaridades sociais de Ceuta. Que poden armar? Unha versión demacrada do que xa foi Podemos. Errejón volve á casa polo nadal?

Catalunya: o que pasou por un choque entre egos nas rrss esclareceu unha operación de máis calado. Coas estrafalarias teses de S. Forti como pátina «científica» -o invento dunha extrema dereita catalá- algúns medios traballan arreo na creación do marco «os extremos tócanse»: Junts=estrema dereita/indepes e rupturistas=extrema dereita. Non fai falta ser indepe, chega con ser algo espelido, para saber que o catalán é movemento con maior forza para poñer paus na roda ao peche oligárquico.

A causalidade: Pablo Iglesias escribe en medios «periféricos» sobre a converxencia do mundo ERC/Bildu con Podemos.

Que hai logo? Unha envolvente. A esquerda estatal (de facto baixo a órbita de CCOO) tira cunha man de retórica unitaria e coa outra trata de desprestixiar a máis potente opción rupturista en consonancia con todos os aparatos do Estado. Unha mostra delirante: o xefe de opinión de El Mundo empregaba as ideas de Forti para cargar contra Rufián por non contestar as preguntas dunha nova TV (esta si de estrema dereita!). 

Todo vai encamiñado ás vindeiras eleccións xerais. Nelas, ademais da ameaza da extrema dereita (a real, non a inventada), aparecerán outros actores imprevisibles: a canalización do malestar na España succionada por Madrid (imprevisibles porque a esquerda estatal vive de costas ao seu rural, coma se só houbese kulaks, en lugar de organizalo). Haberá varios grandes bloques, reais ou propagandísticos. 

Será logo momento de articular -desde a autonomía orgánica- un gran bloque electoral «periférico» cunha proposta realmente plurinacional e de esquerdas que poida xogar un papel decisivo no vindeiro Congreso? Resta ou suma esa entente? Claro non está, mais o asunto ben merece unha voltiña. 

Comentarios