Opinión

Do espírito do tempo

É habitual facer de calquera nimiedade un fito histórico. Como se estes brotasen nun día e nunha hora determinados. Pero hai algo que si apunta a mudanza de calado. Non é algo que aconteceu. É algo que acontece. 

A cousa foi detectada moi cedo. William Morris viuno durante a Revolución Industrial inglesa. Detectar unha tendencia con apresuramento é un mérito intelectual, pero o exceso de antelación dificulta a aplicación práctica. Iso lle sucedeu a Morris.

No período de entreguerras, Walter Benjamin tamén se adiantou. Europa sumíase no pesimismo e o alemán articulou o malestar emendando as filosofías mecanicistas da historia: a historia non é necesariamente un camiño recto cara á liberación; ás veces, turrar do freo de emerxencia é máis progresista que botar carbón á locomotora. O mundo, desbordado de petróleo barato, aínda viviría os 30 gloriosos euroamericanos, a industrialización da URSS, as teorías da modernización para o sur global (España e Portugal incluídas) e as da dependencia dos movementos de liberación nacional.

A xeopolítica mudou. Xa non hai continentes cara aos que expandir o capitalismo. A realidade material é outra. Tamén a simbólica. Os límites físicos do planeta e a crise ecolóxica ditan o factible ao sistema produtivo. A cooptación e resignificación neoliberal dos valores do 68 condicionan hábitos e discursos. O contido asociable ás categorías «conservador» e «progresista», tanto no material como no cultural, mudaron. Están a mudar. 

A que vén todo isto? Por que falar aquí de cousas que semellan tan teóricas? Porque non son teóricas en absoluto. A tradución de todo isto á política práctica é necesaria para non confundir debates do presente con debates do pasado. Para non confundir que significa hoxe «moderarse» ou «radicalizarse» co que significaba, poñamos por caso, nos anos 90, cando o Estado español vivía a ilusión da riqueza milagrosa do capitalismo financeiro. Hoxe pódese ser conservacionista e radical. Comunitarista e tolerante. Tradicional e avanzado. Non son trucos da linguaxe. Non son boutades. A nova realidade material rebenta as dicotomías do pasado. Isto é aínda máis evidente ao ollarmos a dereita: dividida entre unha póla neoliberal progresista (na vella acepción do termo) e unha chauvinista reaccionaria. Esa disxuntiva do adversario pode ser anulada e superada por unha esquerda arraigada pero que saiba lidar coa diferenza, unha esquerda prudente pero indubidablemente progresista. A cadratura do círculo? Non, o noso presente.

Comentarios