Opinión

Do ceo e da terra

Agostiño de Hipona escribiu a Cidade de Deus contra os pagáns. Pero distinguindo a Xerusalén espiritual da terreal coadxuvou na separación do poder eclesiástico e o político no imperio romano occidental. Porén, no berce da Contrarreforma belixerante co agustiniano Martiño Lutero, a separación entre o relixioso e o secular non acabou de callar.

O influxo disto no plano político é máis amplo do que semella. O carácter litúrxico e afastado do catolicismo traspasouse ao xeito de entender o Estado nestes lares. Aquel nunca pasou de Papado a Asemblea, de monarquía a república. Correlatos da obcecación católica co latín son as dificultades do estado Español para educar as masas no s. XIX e o proverbial monolingüismo ontolóxico castelán. Entre a lei e as realidades españolas sempre mediou un abismo.

O formalismo do poder, a súa defectuosa ancoraxe nunha sociedade civil feble e fragmentada, provoca que a orde política se experimente como inestable. Por algo en España hai pánico ao debate e a razón de Estado é a máis venerada de todas as razóns.

Dúas escenificacións actuais do poder español no noso país corroboran o dito. Por unha banda, as andanzas de Juan Carlos I en Sanxenxo. Puro barroquismo que desafía a pegada austera e nórdica que vende a propaganda filipesca. Por outra, a visita a Vigo de Felipe VI para inaugurar a Cidade da Xustiza. A sede xudicial viguesa concéntrase agora nun dos edificios máis altos da cidade, nun cigurat; máis perto da Xerusalén do ceo que da da terra.

Se hai un xénero literario que, en coherencia co espírito litúrxico do Estado, caracterizou o barroco español ese foi o teatro, e como teatro hai que entender a aparición do rei na mesma cidade que viu aterrar o 'bribón'  poucos días antes. Entre o elenco que acompañaba o monarca estaba un presidente autonómico non electo, un líder da oposición que exercerá fraudulentamente como senador por Galiza, un alcalde que chantou nun templo unha estatua de reminiscencias fascistas e o presidente do CGPJ, que ostenta o cargo en funcións sine die por antepoñer a razón do Estado ao estado da razón.

Entrementres, case que en tempo real, unha nova chegaba desde Luxemburgo para baixar á terra a todos estes seres levitantes: o Tribunal de Xustiza da UE emendaba a teima española por forzar o dereito e restituía a inmunidade parlamentaria a Puigdemont, Ponsatí e Comín. Houston, temos un problema.

Comentarios