Opinión

Dereita civilizada

Debateuse en tempos sobre a excepcionalidade ou non do s. XIX español. Menos dúbidas hai sobre a anormalidade que introduciu a guerra civil e os 40 anos de ditadura franquista. Porén, asistimos á tentativa de rehabilitación deste pasado. Primeiro, desde posicións vencelladas a FAES, despois, dun xeito máis sutil e nocivo, desde as obras de varios novelistas do establishment que, a través do que poderiamos chamar a estratexia do «entrañable avó franquista», pretenden humanizar e integrar o fascismo a base de ambigüidade e sentimentalismo.

Vén isto a conto porque un lugar común no comentario político é aquel que tende a laiarse, á vista do rexurdir da macarra estrema-dereita hispana, pola inexistencia dunha dereita española “civilizada”. Quen non deu algunha vez coa expresión anhelante dun antifascismo de dereitas “coma o de Merkel”? Este tipo de desexos indican que na percepción popular sobre a historia de España pesa máis o argumento da excepcionalidade que o da normalidade, o cal, politicamente, é un dato interesante. 

Quen isto escribe opina que na dereita española actual convive un xeito de primitivismo, que recolle o que de peculiar hai na historia española, cun ultramodernismo coherente coa integración deste Estado no capitalismo global. Tanto hai de Millán Astray coma de QAnon. En calquera caso, pouco se lembra que, tras o traballo previo de normalización intelectual, a eclosión da estrema dereita en España é inintelixible sen o crac financeiro de 2008, sen o subseguinte período de austeridade ordoliberal e de devaluación interna e sen a demostración da inutilidade da política democrática que supuxo Grecia. Velaí, pois, por que a contraposición Merkel/Abascal destila un idealismo insoportable. Se Abascal é froito do elitismo secular co que se construíu o Estado español, non o é menos do «Non, non se pode» que adiantou Syriza e corroborou Podemos. 

O grao de incivilidade da dereita española actual cómpre interpretarse coma o encontro da súa propia tradición autoritaria e escura con algo máis. Ese algo máis é o reparto de roles necesario, en consonancia co reparto de traballo que se produce a escala UE, para disciplinar os pobos segundo a posición do seu Estado no concerto europeo. Non esquezamos que os mois rufos voxistas salvaron a votación dos fondos europeos que xestionará directamente o gran capital español a un Pedro Sánchez reacio a chegar acordos coas esquerdas soberanistas.

Comentarios