Opinión

Decálogo

Carlos Pérez Soto encarna o tipo de intelectual que máis me interesa. É un militante, non un académico, sen que iso menoscabe a súa profundidade e o seu enciclopedismo. Pérez Soto opina forte sobre Chile, laboratorio no que "naceu" o neoliberalismo. Os paralelismos co Estado español son grandes: os dous saíron dunha ditadura a través dunha transición amnésica. O equivalente chileno do Réxime do 78 é a Concertación. Tras o estoupido social de 2019 (un 15M, pero en serio), unha "nova esquerda" acadou o poder. Houbo unha convención nacional que pariría unha Constitución chea de fogos de artificio rexeitada en referendo. Esa esquerda busca recompoñerse cun novo proxecto constitucional negociado coa Concertación. Na súa implacabilidade coa esquerda chilena, Pérez Soto vai máis alá. Por iso interesa debullar as súas ideas a modo de decálogo.

Para Pérez Soto, a democracia é administrada. Un modo de dominación no que a policía e a lei substitúen as asonadas militares. Chámase ultradereita a quen está en contra da globalización (porque China se está aproveitando dela como potencia emerxente) e ultraesquerda a quen non está disposto a aceptar o mal menor (a globalización neoliberal).

As esquerdas están copadas por clases medias. O que non é unha novidade histórica. Si o é que esas clases medias vivan alleas ao poppolo magro, á plebe. As clases medias traizoan o pobo porque son impotentes para introducir cambios estruturais.

A respecto do poppolo magro cabe diferenciar entre ser conservador e ser de dereitas. O pobo é culturalmente conservador pero non é de dereitas. A esquerda de clase media é incapaz de entender esa diferenza o que provoca un confusionismo político enorme.

A esquerda é inviable sen autonomía a respecto da caracterización que fan os medios de comunicación sobre que é esquerda e que é dereita. Hai que pensar en prazos longos e a tarefa é traducir os estoupidos recorrentes en movemento popular.

A esquerda debe lexitimar a violencia de masas, a violencia do pobo nos seus ciclos de loita, ao tempo que desautoriza a violencia vangardista. O ser do dereito á folga gañado pola clase obreira consistía en disputar ao Estado o monopolio da violencia. O pacifismo abstracto só conduce á paz social.

O Estado ten unha capacidade inmensa de cooptación da esquerda de clase media, conformada por cadros con estudos superiores demandantes de emprego cualificado que non atopan no mercado de traballo neoliberal.

Comentarios