Opinión

O cru, o cocido e o fake

Para Levi-Strauss o cru e o cocido demarcan a fronteira entre o salvaxe e o civilizado. Cru e cocido son á antropoloxía o que coerción e hexemonía á política. Descociñar os feitos é tarefa do crítico. A do poder é aliñar a real politik co relato, tarefa colmatada cando este se eleva a éter invisible. Hoxe, o cocido ideolóxico adopta unha fasquía diferente á do cénit neoliberal. A sensación de devalo produce a ideoloxía sen ideoloxía por antonomasia: o cinismo; a arte de mentir sen ocultar que se minte. O cínico impón o factual cun grao de cocción premeditadamente escaso. Velaí o xefe da OTAN sentenciando, con claridade marxista, que “a nosa misión era protexer EEUU, non Afganistán”. 

O factual puro operando a través do cinismo é o espírito do tempo. A demanda interposta contra Nirvana por pornografía infantil por quen apareceu fotografado nun albúm da banda, un exemplo banal. Na portada, un bebé mergullando perseguía un billete espetado nun anzol. Criticábase o reinado bruto do diñeiro. O eu adulto do bebé apenas coceu as súas pretensións: o carto move o mundo e el quere o seu anaco. Xogo de espellos multiplicando o cinismo ata o infinito. 

O locutor Carlos Herrera visita en Abu Dabi ao rei emérito e declara que “se atopa ben e con ganas de volver”. O cinismo opera de novo. Impónsenos un foco de interese falso: o estado de ánimo de quen abdicou e fuxiu con nocturnidade para evitar ser investigado. A factualidade bruta é implícita á visita do locutor: indulxencia absolutoria a priori para o campechano. 

Unha deputada de Vox afirma que Lorca votaría hoxe polos herdeiros dos seus asasinos. Asistimos á mesma pulsión: desafío cínico a toda coherencia do pensar e adianto en cru do programa irracional da estrema dereita.

A intemperie ideolóxica sinala a debilidade no artellamento dun proxecto político-ideolóxico crible e abre un baleiro moral que, incapaz de renovación, atopa refuxio na pura guerra hobbesiana. Co baleiro emerxe tamén o anhelo de regresión. Así o expresaba nun chío o humorista (?) Moncho Borrajo ao reducir a política mundial a un choque de civilizacións á Samuel Huntington no que “nós”, occidentais secularizados, estariamos desarmados fronte o mundo árabe-negro. Esta saudade por certezas relixiosas, recuperables só como moral fake, mesturada co recurso á facticidade bruta da violencia no reparto da escaseza é o risco que enfronta un “Occidente” en pleno proceso de perda do que os romanos chamaban virtude.

Comentarios