Opinión

Crónicas do desarraigo

A diferenza entre unha novela traballada e unha simple trama lineal estriba no grao de substancialidade que ofrezan ao lector os elementos colaterais da historia. Ninguén queda (Euseino?, 2022), de Brais Lamela, é destas últimas. Un exemplo de lateralidade con substancia son as reflexións sobre arquitectura forense ou a digresión sobre a criada paraguaia que, na vellez, conservara na memoria unha frase banal en guaraní coma un tesouro, traéndonos á memoria o filme de Arami Ullón Apenas el sol (2020).

A novela fala de dous tipos de desarraigo, o do pasado e o do presente. Se cadra non comparables no grao de violencia pero si reveladores das cicatrices que deixou o desarrollismo, onte, e o neoliberalismo, hoxe. O do pasado está representado polos colonos desprazados á forza polo Estado franquista a vilas de colonización, procedentes das súas aldeas asolagadas. O do presente, polo colectivo de universitarios abocados, dalgún xeito, a facer a súa carreira no estranxeiro.

Ninguén queda ten moito de novela de non ficción. Xénero que na literatura galega actual xa deu alfaias como Todo ser humano é un río (Xerais, 2016), de Manuel Veiga, ou Un señor elegante (Xerais, 2020), de Suso de Toro. Mais Ninguén queda súmase tamén a outras novelas como Para toda a vida (Aira, 2020), de Eva Moreda, que narran a experiencia de vivir a cabalo de dous mundos da nova diáspora académica.

O galego de Brais Lamela é coidado sen caer en barroquismos de dicionario e a conxunción do ton ensaístico co emprego de metáforas expresivas colorea a escrita.

O trauma da "Modernización", idea teorizada por científicos sociais norteamericanos coma Rostow ou Huntington, é entendida aquí como a ideoloxía que cementou o predominio dos EUA no S. XX. Como mostrou Carles Sirera, a adopción desas ideas por intelectuais como Juan Linz permitiu ao franquismo sobrevivir a través da creación dun exército de propietarios con aspiracións de clase media. En Galiza, expón Lamela, esta transformación moldeou o comunitarismo labrego nun novo individualismo inserido na economía capitalista: "A propiedade convértese en realidade no gran instrumento do desposuimento".

As vilas de colonización son o laboratorio de ensaio desa mutación social. Un experimento contestado, nos subtextos ensaísticos que Lamela ofrece en cursiva, en forma de teses de recendo benjaminiano, no plano temporal, porque non aceptan a idea clásica de progreso, e foucaultiano, no espacial, porque debullan unha crítica á distribución dos corpos no espazo feita polo poder.

Comentarios