Opinión

Construír o exterior no interior

O 10 de setembro tivo lugar en Pontevedra unha xornada organizada polo Espaço Clara Corbelhe. Nese foro, Alfredo Macías definiu o capitalismo como "unha relación social autónoma" non xestionable. Falta por saber se a esa relación autónoma é posible facerlle algún tipo de oposición ou se os chamados "aceleracionistas" teñen razón: só cabe propiciar que o capitalismo acade o despregamento total das súas posibilidades (que isto conduza a que a humanidade e a Terra sucumban é outro tema).

A ponencia de Borxa Colmenero ocupouse de dous aspectos do Poder. Por unha banda, a súa natureza colonial, en canto a que sempre precisa dun "Outro" para afirmarse. Pola outra, o seu carácter "produtivo", en canto a que produce un tipo peculiar de subxectividade. Levado ao marco do Estado español, a españolidade sería o dispositivo construído historicamente desde o Capital/Estado para producir individuos dóciles. Para Colmenero, o escenario principal da loita política non ten lugar tanto no aparato xurídico-político coma nese espazo de produción de suxeitos.

Volvendo a Macías, cabe preguntarse se esa subxectividade outra é producible desde dentro das relacións sociais existentes. E.P. Thompson -cuxas ideas tamén pairaron na ponencia de Alba Díaz Geada- pensaba que a clase obreira non viña determinada só polo seu lugar no modo de produción senón que, en tanto que clase para si, foi algo "que se fixo". Se Thompson tiña razón, cabe colexir que non estamos abocados ao aceleracionismo: é posible construír subxectividades opostas ao capital.

A teoría gramsciana sobre a hexemonía pódese equiparar á noción foucaultiá de subxectividade producida que manexa Colmenero. Malia a hexemonía burguesa en Italia, para Gramsci cabía a posibilidade de construír outra hexemonía na sociedade civil a partir da alianza de obreiros do norte e labregos do sur. As eleccións do domingo mostraron que a diferenza norte-sur permanece en Italia, pero a esquerda como movemento vivo non existe. Canto da construcción da clase obreira para si foi posible debido á súa incompleta incorporación ao Capital/Estado? As revolucións do século XX só se produciron alá onde a inserción non era total. Atopar a maneira de levar a cabo a construción do exterior no interior cando xa non queda pobo fóra do Capital/Estado (salvo na forma de exclusión social e anomia) debería ser "a tarefa". Imprescindible ata para implementar as políticas máis moderadas, como agora sabemos.

Comentarios