Opinión

Comunidade e trauma

No filme Apenas el sol (Arami Ullón, 2020) vemos o reflexivo Mateo Sobode Chiqueno gravar, co seu pequeno radiocasette, as xentes da súa comunidade. Trátase dun grupo de indios Ayoreo que foron capturados na selva cando vivían en tribos sen contacto co home branco. Confinados en misións relixiosas, viron como os grandes latifundistas deforestaban e acaparaban as súas terras. No Paraguai, para xúbilo dos rocabareistas, o século XVI aínda non rematou.

Evanxelizados nun cristianismo primario que fomenta a resignación no mundo terreal en aras da salvación no outro mundo e que proscribe o animismo, estas comunidades de seres humanos desarraigados habitan un limbo existencial nun terreo falto de auga e de traballo mentres se manteñen coa exigua asignación bimensual que lles proporciona o Estado. Moran unha fenda na que a conservación da súa lingua actúa como un bote salvavidas.

Mateo Sobode grava os seus. Pregúntalles polo presente, pero tamén polos recordos da vida de antes. O clima é depresivo. Como se toda a comunidade vivise nun estado de shock postraumático permanente. A primeira conclusión que expresan, contraria a toda idea de progreso lineal, é que vivían mellor na selva que entre os brancos. A segunda: que eles xa son parecidos de máis aos brancos como para regresar á selva. O máis que poden facer, para escarnio dos rocabareistas, é protexer os Ayoreo que aínda viven sen contacto co home branco para que non lles suceda o que lles sucedeu a eles.

O filme lembroume a novela Todo se esfarela (Rinoceronte, 2013) de Chinua Achebe. Ambientada na Nixeria de finais do s. XIX, tamén alí se narraba a desintegración da base material e simbólica dunha comunidade. E o trauma.

Non pretendo equiparar realidades diferentes, pero hai algo da experiencia colonizadora no sur global que remite á experiencia modernizadora do rural do sur de Europa, especialmente á de casos de nacións sen Estado como a nosa. O que impulsa a Mateo Sobode a gravar as historias dos seus non é tan diferente do que motivou a recollida de léxico popular para conformar o galego moderno ou do que motiva as recolleitas polas aldeas á procura de cantigas e músicas do mundo agrario en devalo. Reconstrución da dignidade. Pura terapia colectiva. No norte de Europa, o temperán do proceso provocou que a terapia chegase a conformar toda unha visión do mundo: o Romanticismo. Movemento reaccionario? En absoluto: necesidade postraumática dun correctivo dialéctico. 

Comentarios