Opinión

Catro imaxes

O pasado 25 de xullo, Día Nacional de Galiza, deixou catro imaxes de gran potencia esclarecedora. Fagamos repaso.

A primeira é un díptico que poderiamos titular “O pazo e a praza”. Coma nos tempos do aborrecido Alfonso XIII, hai unha España oficial que vai ao seu. Na catedral, ceremonias contrarreformistas de raigaña imperial presididas por Felipe VI: somnífero e alcanfor contra as juancarladas. En fronte, na praza da Quintana e noutras rúas compostelás, unha mostra significativa do pobo republicano galego celebrando a relixión cívica de exaltación da nación como suxeito da soberanía popular. A xeito de aliciente, acompañaba a Ana Pontón un Oriol Junqueras que recibiu o aplauso pechado dos demócratas alí congregados. 

A segunda imaxe é o correlato ideolóxico da primeira. Espantando as pombas, o exército do aire, baixo as ordes dun ministerio socialista, fumigaba nubes rojigualdas a cidadáns que, portando albicelestes, elevaban o dedo pai de todos ao firmamento en agradecemento. A lectura é obvia. A ras de chan os patriotas galegos. Descendendo desde o aire e impoñéndose coas máquinas de guerra, a ideoloxía españolista. Nas redes, unha deputada do PPdG vitoreaba a “ración de fume españolista”. Ignorancia? Malicia? Abraiante en calquera caso: España foi pioneira no emprego de armas químicas no Rif e no bombardeo de poboación civil en Gernika. 

A terceira imaxe é a de Yolanda Díaz no Obradoiro cos Borbóns en contraposición á humilde carpa de Anova nun parque de Santiago. O peche de ciclo que se iniciou co 15M e que en Galiza fixo emerxer AGE e o movemento das mareas exemplificado, neste outro díptico, con plasticidade brutal. A folla de ruta de arrecendo carrillista da dirixente do PCE semella clara. O que non aparece por ningures, salvo vaguidades e retórica oca, é a folla de ruta do que queda da póla nacionalista daquel movemento político.

A cuarta imaxe produciuse na entrega das Medallas de Galiza. O clima de concordia entre o presidente español e Feijóo, glosado, como xa é tradición, polos medios progres madrileños, indica que a tentativa de rearme do bipartidismo colle novo pulo no contexto da xestión dos fondos europeos (e das reformas impopulares que lles seguirán). O contrapunto a esta imaxe é o dun PSdG (imos pensar que existe) autoinmolado en aras da relegación de Galiza a eterno cuartel de inverno do PP; todo co beneplácito dun PSOE estatal que semella traballar, unha vez máis, para que a nosa terra non avance politicamente.

Comentarios