Opinión

Castelao e Pi

O 11 de febreiro cumpríronse 150 anos da proclamación da I República española. Boa escusa para lembrar que opinaba Castelao dun dos seus principais artífices. 
Bastante queimado cos republicanos da II República pola súa renuncia ao federalismo, Castelao non era máis compracente cos repúblicos da Primeira. Apenas salvaba dous: o galego Eduardo Chao e Pi i Margall.

Castelao rememora o encontro entre Pi e Brañas, daquela teórico avantaxado do Rexionalismo. Para Castelao, Brañas “esclarecera, mellor que ningún líder federal, a tendencia independentista dos pobos hispanos, sentando as bases xustas e posibles dun estado harmónico para toda Hespaña”. Pi era consciente do peso histórico do policentrismo no Estado español dun xeito que non se afastaba en exceso do que no habsburguismo e no carlismo había de descentralizador.

Así, Pi escribiu que “borrados os fueros dos antigos reinos, quixérona [a España] dominar polo absolutismo, e levárona á máis vergoñosa decadencia”. Por iso, para Castelao, Pi non consideraba o rexionalismo un fenómeno retrógrado; máis ben, para o catalán, “o rexionalismo non é senón o federalismo que nós vimos defendendo publicamente desde hai máis de trinta anos”.

Discrepaba Castelao do federalismo de Pi na insuficiencia deste á hora de recoñecer os feitos nacionais. O federalismo de Castelao non se aficaba “nese tan sobado principio da división do traballo, é dicir, na descentralización administrativa” e tampouco pretendía dividir o territorio “en doce, catorce ou dezaseis rexións autónomas”. Castelao consideraba que había que superar a “federación rexionalista de Pi i Margall por unha concepción verdadeira das nacionalidades”.

Con grande intuición, o de Rianxo adiantábase en moitos anos ao efecto disolvente que habería xerar o “café para todos” do Réxime do 78. Un modelo que, a dicir de Xacobe Bastida, estaba inspirado nas ideas dun contemporáneo do rianxeiro: Ortega y Gasset, o inventor da “conllevancia”, modo de asumir que o problema nacional español non debía resolverse nunca.

Castelao, frustrado cos políticos unitaristas da II República, escribiu que “non quedou da República española un home que poida lamberlle os calcañares a Pi i Margall. Polo tanto eu quero ser galeguista, esclusivamente galego”. Para o de Rianxo os movementos nacionalistas eran os auténticos herdeiros da tradición federal toda vez que, onte coma hoxe, os progresistas de raíz castelá desenténdense desa tradición cada vez que chega a hora da verdade.

Comentarios