Opinión

O carballo e a hedra

Lembrou nun artigo recente Marcello Musto a opinión de Marx sobre a guerra de Crimea de mediados do s. XIX, o mesmo escenario no que hoxe se desenvolve o conflito entre Rusia e a OTAN. Marx arrepúñase aos liberais que defendían a coalición anti-Romanov formada polo Reino Unido, Francia e o Imperio Otomán, calificando de erro considerar a contenda como unha oposición entre liberdade e despotismo. Para Marx, un Bonaparte (Napoleón III) representaba a liberdade, pero o cometido da guerra era manter os tratados de Viena que "anulaban a liberdade e independencia das nacións". Musto facía a súa propia translación ao presente: se os EUA son a liberdade e os tratados de Viena a OTAN, a posición a adoptar pola esquerda semella obvia.

E porén, unha parte crecente da esquerda europea é hoxe incapaz de manter dita autonomía. O aplauso case unánime dado a Zelensky no Congreso así o indica. A esquerda, e aquí inclúo á socialdemocracia, ten moitos problemas desde que o neoliberalismo se impuxo como paradigma. De 1989 en diante as derrotas son implacables. Estamos en mínimos e iso nótase en todo: do aumento da explotación e a precariedade á liquidación do Welfare State saído dos consensos antifascistas (onde os houbo). Como a can vello todo son pulgas, hai algo que diferencia as nosas sociedades doutras do pasado no que as clases populares estaban menos integradas na "vida nacional". Ese algo é o noso maior problema: imposibilita toda resistencia, xa non digamos todo contraataque. Karl Polanyi mostrou como o capitalismo transforma as sociedades humanas en sociedades de mercado. O capitalismo destrúe os vínculos non mediados pola lóxica mercantil. Hoxe este proceso aumenta en potencia a través dos medios de comunicación de masas. O neoliberalismo é tamén un sistema cultural que, como a hedra que rube polos carballos, aperta ata esganar toda vida autónoma.

Giovanni Arrighi tamén escribiu sobre a Crimea do XIX. Para o italiano, a industrialización desa guerra propiciou unha mellora cualitativa das posicións occidentais para dobregar os pobos do sur global. O conflito de Ucraína pode lerse como a tentativa de desquite pola guerra de Crimea. Nel debátese o equilibrio de poder entre Occidente e os países emerxentes do sur. Por iso case ningún votou a favor das sancións a Rusia. A esquerda europea, como movemento de masas con autonomía política, está máis morta ca viva. Agardemos que sexa do sur de onde veña o rearme que precisamos para saír da envolvente liberal.

Comentarios