Opinión

Brutalismo

Nos anos 50 do século XX naceu un estilo arquitectónico que apostaba por un tipo de edificacións sen aditivos. Os elementos estruturais e os materiais de construción expúñanse directamente. O brutalismo caracterizábase por prescindir de todo elemento decorativo. A entraña e a epiderme coincidían.

Mais ata o brutalismo arquitectónico tiña un compoñente ideolóxico que o dulcificaba: a promesa da honestidade.

Outro brutalismo, este sen atenuantes, semella rexer na política do presente. Os que mandan esfórzanse cada vez menos por vestiren de xeito piadoso as decisións impopulares: suba dos gastos militares ás portas dunha recesión, asasinatos impunes no valo de Melilla, vergoñenta submisión da UE aos EUA, regresión de dereitos, leis represivas para a contención do descontento. Mostras de políticas brutalistas. Margarita Robles sorrindo diante da bandeira da OTAN é brutalismo.

A militarización é unha simplificación da vida. A militarización esixe bloques compactos e falta de matices. A militarización é á política o que o brutalismo á arquitectura. Pero en peor. Onde o brutalismo arquitectónico dá unha visión sincera do feito construtivo a militarización recóbrese de capas de propaganda destrutiva. Ideoloxía sen eficiencia.

Para Marx, a ideoloxía era a falsa consciencia que impedía ver a cousa en si. Desvelar o noúmeno kantiano aseguraría a toma de consciencia. Gramsci perfeccionou o asunto e percibiu a importancia que ten a ideoloxía para calquera proxecto político. Un nunca accede de todo ao noúmeno. A realidade é fenoménica. Nos tempos de Marx, o capitalismo era tamén brutalista. Tiña máis de dominación que de hexemonía. A forza núa era o dereito. Nos de Gramsci, o capitalismo europeo refínase. Co sufraxio universal o dereito é a forza. Durante a segunda metade do s. XX o capitalismo europeo vive os seus anos dourados no que ao poder da ideoloxía se refire. Hai moito que non estamos aí.

A escenificación da cea en palacio ofrecida aos mandatarios reunidos no cumio da OTAN en Madrid deu pistas sobre cara a onde imos. Os comensais eran unha mestura de María Antonieta recomendando pasteis aos famentos e de oficial prusiano axustando o sable antes da 1ª GM. Pura decadencia con acceso a drones, satélites, armas nucleares e biotecnoloxía. Dominación sen hexemonía retrofuturista. Eu iría comezando a preocuparme polo sufraxio universal. Nos EUA xa levan tempo poñendo obstáculos á poboación negra para exercer o voto. Por algo será.

Comentarios