Opinión

Brañas

Coma nos tempos de Fraga, o PPdG deuse un verniz galeguista recuperando a Fundación Alfredo Brañas. Para compensar o cheiro a boina neste PPdG de only-birretes, a presidencia do tinglado é para o birrete maior: Romay Beccaría. Ten a súa lóxica a escolla: malia a uniformidade no toucado, o PPdG de 2021 debe atender equilibrios sociolóxicos máis complicados que os dos anos noventa.

O PPdG mete os pés na braña para conxurar a seca. Aquela o niño propio por medo ao que suceda no alleo. Ayuso e Casado andan á chega, coma os bois de Montalegre, e Feijóo non quere saír escornado. Ademais, o PPdG galeguízase para evitar que as súas hostes menos engominadas e máis condeadas a sufriren as consecuencias das políticas neoliberais da Xunta, se distraian co falar maino de Ana Pontón. 

Este tuneo fraguiano do PPdG prodúcese —e velaí a complicación— nun contexto de auxe do españolismo agresivo de Vox. Un partido que come as papas ao PP estatal e que tamén conta cos seus seguidores en predio galaico, malia que nas últimas autonómicas demostrasen unhas tragadeiras notables apoiando un remexido de simboloxía Sargadelos-Eva Cárdenas en escala cromática branquiazul, no que o rojigualda esvaecera.

Do vello conservadorismo paternalista e antiliberal que representaba Brañas nada queda neste clube de Homes de Negro que é PPdG. Un rexemento de bots con garavata encargado, entre outras cousas, de inzar as brañas dos montes de eólicos de capital foráneo. O de Brañas era un pensamento que non só refugaba da centralización política, senón que tamén se anoxaba ca centralización económica; isto é: cos grandes monopolios que dedicaban os seus excedentes á especulación financeira e que devastaban a economía da xente. Sóanos? Así o deixou escrito o carballés na súa análise da crise de fins do século XIX. Por moito menos hoxe en día chámanche bolivariano, como che chamaban democristiano a mediados do século XX.

E é que, malia poñer o seu propio señor decimonónico de aspecto hipster á fronte da Fundación, o PPdG non é o PNV. Hai moito de fake nos Tellado e compañía. Se cadra por iso viron conveniente adornar o escenario da presentación do trebello cun decorado: unha vetusta biblioteca de madeira impresa sobre lona. Simulacro á Baudrillard no que Beccaría, acaroado a unha bola do mundo, facía de profesor de Harry Potter e no que Feijóo, embutido en xersei de colo cisne, aspiraba a encarnar un híbrido entre Steve Jobs e un funcionario do FMI.

Comentarios