Opinión

Batalla cultural

Que a dereita española le Gramsci semella obvio. «O importante é a batalla cultural» -dixo Cayetana Álvarez de Toledo-; máis se cabe cando na batalla material gañas por goleada. Trátase agora de acadar a derrota total do adversario. A desaparición do “marxismo cultural”.

Galiza foi pioneira neste xiro ideolóxico. A campaña coa que Feijóo “O Moderado” chegou á Xunta baseouse nun intenso agit-prop nos medios afíns (case todos) sobre dispendio e audis, canapés e cadeiras do tipo que hoxe vemos a diario. Daquela, a batalla ideolóxica conseguiu minar o suficiente a base electoral do bipartito como para arrebatarlle o goberno. Tiraron, sobre todo, do grande achado dos conservadores hispanos: a liberdade como non interferencia.

Moito choveu desde entón. Por medio, a escisión da estrema dereita “descomplexada” engadiu lama no bulleiro. Isto nótase ata no máis cotiá. No meu barrio, a “guerra dos graffitis” está sendo disputada pola dereita como había tempo que non se vía. En toda parte, aparecen novas de mobiliario urbano pro-LGBT vandalizado, murais feministas boicoteados, campañas contra monumentos progresistas, fobia contra as linguas diferentes do castelán… 

Compostela tamén asiste a unha tentativa de resimbolización do Xacobeo. Se Fraga creou un imaxinario autonómico do Camiño, agora asistimos a unha coalición re-españolizadora entre as institucións do Estado e algúns peregrinos pertrechados, coma se se tratasen de cohortes de mozos pioneiros de entreguerras, de cánticos e simboloxía “nacional”.

Pero como sabían os antigos gregos, hai que ter coidado coa hubris, coa desmesura. Malia a sensación de mobilización permanente que experimenta a extrema dereita española, o exceso de celo introduce novos escenarios políticos. Tomemos o caso de Castelao, agora que a súa figura volveu ser albo de veto en Malpica. O Castelao fraguiano tiña a virtude de non ser contestado desde o españolismo. Pero a súa aceptación universal era proporcional ao seu baleirado de contido. No presente, a ortodoxia españolista ameaza a aceptación universal de Castelao, mais tamén introduce novas dialécticas políticas. Un Castelao enchido de contido é un Castelao non cooptable. E un PPdG que non coopte o imaxinario galeguista é, como ben sabe Baltar Jr., un PPdG disfuncional. Incidir na incompatibilidade entre o galeguismo e a hubris españolista abre un campo para o contraataque do sobernismo na batalla cultural do país. 

Comentarios