Opinión

Barullo, podremia, fracaso

Disque o estado autonómico ideouno Ortega y Gasset. Unha descentralización controlada pero xeneralizada que dese nun barullo para diluír a cuestión nacional. O goberno central aparecería entón como instancia superior, propositiva, conciliadora. O invento pasa por horas baixas. Nin o conflito nacional esvaeceu, nin o filósofo intuíu que a CCAA de Madrid se convertería nun ariete reaccionario e distorsionador do rol imaxinado para o españolismo. Se a isto engadimos que o Estado non pode dar millo económico –a chave do hórreo está na UE ordoliberal- a política interna é como unha tertulia de TV: xesticulante e afastada da realidade. Un teatro barroco que sobrevoa os problemas de fondo sen resolvelos, o que conduce á podremia das institucións. 

Sabedora de que o asunto vai de gramos de pathos, a Mater Dolorosa Isabel Ayuso revolveuse compunxida contra a «madrileñofobia». Hai que concederlle a súa parte de verdade: o grao de conciencia sobre o papel desa cidade como aspiradora de recursos e centro de poder regresivo é maior que noutrora. Mais tamén en Madrid aumentou a conciencia do seu peso como Autonomía. A operación xesuítica iniciada polo PSOE en Murcia mostra que os terremotos cos que os partidos estatais recolocan as súas pezas en tempos de fragmentación e aritmética axustada teñen o seu Alfa e Omega, como as estradas radiais, no Manzanares.

Tras as eleccións, Madrid pode reforzarse como alcazar falanxista. Dada a renitencia do PSOE a facer reformas de calado, semella que España -invertindo a Ortega- xa non pretendese a «conllevancia» coas periferias díscolas, senón que avoga porque aquelas se resignen á «conllevancia» co bunker madrileño.

Arrichada aposta. A polarización centro-periferia agudizarase.

Pero se a politiquería castiza é mala de aguantar para os que o españolismo nos deixa fríos, tampouco semella un gran negocio para os que deliran cunha mímese ibérica de Francia. A ética do «a por ellos» obstaculiza a articulación de calquera empresa colectiva. A flamante fábrica de baterías eléctricas é unha boa mostra. A recuperación da fábula do novo modelo produtivo que solucione nun pis pas o problema nacional contou coa implicación de Sánchez e o rei para que Martorell sexa a sede. A reacción chegou axiña. Estremadura, terra espoleada por décadas de saqueo centralista e anticatalanismo primario dos media madrileños alzou a voz. O litio estremeño non será para os «catalufos».

Nada novo baixo o sol: España, como «suxestivo proxecto de vida en común», que diría Ortega, non chuta.

Comentarios