Opinión

Austeridades

Enrico Berlinguer, daquela líder do PCI, propuxo en 1977 unha lectura positiva do concepto de austeridade fronte a crise enerxética e o consumo masivo do superfluo. Era unha tentativa de formular desde a esquerda e co liderado da esquerda unha reforma moral ecolóxica. Na altura, o Estado español oficial estaba noutra cousa: había que armar un remedo de estado de benestar e de fomentar a súa propia etapa hedonista e consumista, equivalente aos 60 noutros pagos; pasos necesarios para xustificar a continuidade do franquismo nos intestinos do Estado, así como os sacrificios da entrada na UE. No ámbito extraoficial, movementos como o soberanismo galego fixeron da defensa do territorio -fronte o fetichismo do progreso e da modernización tecnocrática- un estandarte de mobilizacións que, co tempo, haberían dar o seu rédito político.

O discurso da austeridade chegaría máis tarde da man das directrices da UE. Tras o crac financeiro de 2008, e tras o rescate público aos bancos privados e os impedimentos do sistema euro para a compra directa da débeda dos estados polo BCE, asegurar o pagamento desa débeda instaurou o paradigma da austeridade ordoliberal. Esta naceu como consecuencia de decisións previas apoiadas por un partido socioliberal e outro verde. Decisións tan importantes que o economista grego Costas Lapavitsas pensa que as políticas desreguladoras do mercado de traballo alemán da Axenda 2010 -aprobada en 2003 polo goberno de coalición SPD/Die Grüne- está na orixe da orientación dese país cara á exportación, aproveitando unha moeda máis débil da que correspondería á súa economía, e á xeración de superávits financeiros que encherían as burbullas de crédito no sur.

Hoxe a austeridade para pobres aparece, ademais, na forma de taxas e suba de prezos da enerxía e o transporte ao tempo que se expiden cheques en branco e subvencións Next Generation suxeitas a devolución pública para negocios privados dedicados ás renovables. Pero nunha economía que se reproduce a base de emprego-lixo, alto paro estrutural, exclusión social e impostos baixos ao capital asumir o ecoloxismo antihumanista de consultoras e consellos de administración sen máis matices supón o mesmo erro que aceptar o progresismo mecanicista; máis se cabe cando este tamén adoita vestir roupaxes ecolóxicas e cando estragar a serra do Iribio con pistas para muíños de vento ten marchamo verde.

Comentarios