Opinión

As cousas de comer

Bait é un filme de 2019 dirixido por Mark Jenkin. Conta a historia dun mariñeiro cornuallés que, debido a unha mala racha, queda sen barco e gaña a vida como pode botando nasas na ribeira. O choque entre o seu modo de vida e o dunha familia que aluga a segunda vivenda a turistas articula a trama. Testosterónico e con ollada de carneiro, o protagonista cadra ben coa caricatura liberal do Brexiter. Mais tamén co compoñente popular que respalda unhas decisións políticas atribuídas só a cálculos xeopolíticos de elites reaccionarias, onde as masas apoiantes se presentan coma recuas de pailáns irracionais e atrasados contrarios ao cosmopolitismo do que Nancy Fraser denominou «neoliberalismo progresista».

Non se trata aquí de torcer polos Boris Johnson ou os Trump de quenda. Tampouco de pensar que o globalismo liberal é «o mellor dos mundos posibles». En realidade, os Johnson e tantos outros son só síntomas de que a globalización capitalista está a vivir un intre de movemento de placas tectónicas relacionado coa emerxencia da China, co desenvolvemento tecnolóxico e cos límites ecolóxicos do planeta. Do que se trata, xa que logo, é de entender que detrás de fenómenos coma o Brexit hai tamén malestares populares reais a respecto da dexeneración da democracia en «gobernanza». Un horizonte tecnocrático, por outra banda, que ten na UE o mellor exemplo de arquitectura institucional. 

Pouco esforzo terán que facer os galegos e galegas damnificadas polo acordo UE-UK en materia pesqueira para comprender o cabreo que tiñan moitos «rednecks» británicos. De novo, un sector produtivo galego é sacrificado no altar europeo sen máis plan alternativo que o do turismo. Desta volta, Bruxelas cede a Londres o 25% das cotas das augas británicas durante cinco anos e medio. 

Cada Estado ten as súas prioriades. O español tamén. A ministra de Asuntos Exteriores aplicouse para conseguir un bo trato UE-UK no que respecta a Xibraltar. Os intereses galegos eran relegables. Entrementres, Feijóo, un señor que pasaba por aquí, inauguraba con pompa e paisaxismo épico o Xacobeo bianual. Turismo 2-Produción 0. Mal asunto. Nun país no que o I+D+i é un tertium non datur o subtítulo do filme do mariñeiro cornuallés antóllase revelador: The view may be beautiful, but you can´t eat it (A vista será bonita, pero non podes comela).

Comentarios