Opinión

Andar sobre dúas pernas

A evidente decadencia de occidente é tamén a decadencia da esquerda occidental. O carácter académico desta esquerda xa foi soadamente sinalada. Xa antes desa consciencia, nos anos setenta do século XX, Enrico Berlinguer dixera que o empuxe de 1917 estaba chegando á súa fin. O consenso antifascista de posguerra aínda daría unhas décadas de vida á visión progresista do mundo. O empuxe dese consenso antifascista é o que hoxe está esgotado.

Nos mesmos anos setenta, a esquerda europea aínda era forte no plano da loita de clases. A capacidade do movemento obreiro para impoñer subas de salario malia a inflación desbocada así o indicaba. 1972 é unha data importante na historia do movemento obreiro galego non por casualidade. Pero Thatcher deu un golpe ao sindicalismo nos oitenta e hoxe volvemos asistir á suba da inflación sen reacción social aparente.

O cambio do keynesianismo industrialista ao neoliberalismo financeiro desprazou as políticas progresistas do terreo económico ao cultural. A etapa da globalización que agora remata foi retoricamente cosmopolita e de costumes abertos.

A abouxadora hexemonía do "neoliberalismo progresista" fixo que a esquerda renunciase á loita económica para centrarse na cuestión dos dereitos. O movemento democrático danza agora cunha soa perna. As teorizacións sobre a autonomía do político, razoables tras o economicismo vulgar do marxismo stalinista, puxeron o marco ideolóxico ao que en realidade era unha carencia. As excesivas esperanzas postas nesa autonomía propiciaron certo pensamento débil sobre o estrutural. A esquerda otanista actual e o ecoloxismo liberal son fillas diso. O neoliberalismo progresista como meta.

Mais as décadas de derrota no plano socioeconómico tamén promoven, dun tempo a esta parte, a tentación dun regreso a un obreirismo ramplón e a un estatalismo autoritario esquemático, que eventualmente pode derivar en imperialista, e que lembra moito ao da socialdemocracia preleninista, a do século XIX. Este regreso ameaza con voltear o péndulo cara a lugares non moito mellores.

Poderemos volver camiñar sobre dúas pernas? Poderemos rearmar unha esquerda que pivote sobre a idea de liberdade e a de igualdade a un tempo? Unha esquerda con capacidade de análise xeopolítica e visión complexa da sociedade? Unha esquerda que se articule no local sen perder de vista o internacionalismo? Moito o traballo por diante en tempos de aceleración histórica. 

Comentarios