Opinión

Anatomía dun andar

John Berger analizou con mestría unha fotografía de tres labregos endomingados camiño do baile. Pensaba que a imaxe era un tratado sobre a hexemonía de clase. Os labregos, coa súa rudeza corporal, aparecían constreñidos por un traxe pensado para seres sedentarios. Dicía Berger, sobre a motricidade prudente do campesiño, que este camiña «coma se fose comprobando a terra con cada pisada.» 

Lembrei isto despois de ver a escena na que a voxista Macarena Olona abronca unha xornalista por preguntarlle que opinaba de que un deputado da súa formación chamase bruxa a outra parlamentaria. Deixando fóra a cuestión do emprego do termo «bruxa» (Silvia Federici acódenos!) por un partido que orgasmea coa inquisitorial España do Barroco, chama a atención a coreografía que desprega Olona nas dependencias do Congreso. Vémola achegarse, pasar con indeferenza ao lado dos xornalistas e dobrar por outro corredor. Cando semella que vai desaparecer, Olona dá a volta, non dun xeito espontáneo, senón calculado, para encararse cunha muller que, segundo a pacata mística liberal arredor da liberdade de prensa, é a representante dun contrapoder da sociedade civil encargado da fiscalización do poder político. 

Dada a condición de muller de Olona, podería suceder que aqueixase certa inseguridade na ocupación do espazo público, un dos modos en que se manifesta a subalternidade femenina. Porén, a deputada móvese na escena cunha soltura envexable e é a outra muller, a xornalista, quen aparece como a subalterna condeada -como dicía unha teórica india- a «non poder falar», dada a vehemencia castrense de Olona por obter unha resposta que, en realidade, non desexa escoitar. A Olona, como aos porcos e ás porcas, aprovéitaselle todo: ata os andares. Olona camiña con decisión. Cun pisar forte antitético ao pisar do campesiño de Berger. Olona produce, como quería Lefebvre, o espazo a cada paso. É o espazo do poder mamado desde o berce. O espazo da impunidade. Nótaselle afeita a que a súa presenza inunde o lugar. Olona é avogada do Estado, circula polo pazo con familiaridade. Este tipo de altos funcionarios, Andrés Villena dixit, forman parte dunha «tecnoestrutura» que privatiza o Estado e o desdemocratiza. Por moito que se autovitimice, Olona é unha persoa autoritaria con demasiado poder. Unha mostra máis da calidade dun Estado que, coma o español, nunca experimentou unha inflexión democrática que propiciase a rexeneración das elites. 

Comentarios