Opinión

Alianza

Dicían os Blue Cheer que "o rock and roll é un 10% técnica e un 90% actitude". Ben se ve ao revisitar O rock do cárcere, fita protagonizada por un Elvis Presley de só 22 anos. Un rapaz de clase traballadora con tendencia a meterse en problemas que descubre no caldeiro os seus dotes musicais. Elvis desprega aí o espírito da música popular baseada no predominio da guitarra: desafío ás normas, inconformismo, espontaneidade; pero tamén un tipo de masculinidade tan falocéntrica coma o propio mastro do instrumento.

Os 90 marcaron de dous xeitos a música popular contemporánea: finiquitaron o reinado da guitarra e cancelaron a organicidade do son a través dos novos programas de edición capaces de crear produtos tan perfectos como a afinación do Auto-Tune. Esa desacougante “perfección da técnica” (F. Jünger dixit) semella posuír tamén aspectos positivos. O primeiro é a democratización das posibilidades de rexistro musical. O segundo, a fin do falocentrismo guitarreiro e da figura autorial en aras da proteicidade electrónica e da cita sampleada.

A diferenza xeracional que experimentei o pasado 5 de xullo na concentración de repulsa polo asasinato de Samuel Luiz, fíxome pensar en todo isto. Contra o que adoita suceder noutro tipo de mobilizacións, os asistentes destacaban pola súa xuventude. Tamén polo eclecticismo estético, pola tolerancia co peculiar e pola horizontalidade no que á xerarquía de xéneros se refire. Pouco queda nesa xuventude das tribus urbanas marcadas pola revolución do rock. Hoxe semella maior a influencia ecuménica do mundo virtual sen fronteiras físicas.

O que Nancy Fraser chamou “neoliberalismo progresista” soubo fagocitar, ata o presente, o que de subversivo puidese haber nese novo paradigma. Porén, o autoritarismo que desprega o capitalismo en crise pon de relevo o núcleo antifascista que alberga o movemento LGBT. Por iso o stablishment branquea os agresores.

Os vellos rockeiros da clase traballadora deberían trabar alianzas con toda esa corrente de tinguidos naif, piercings e tacóns. O filme Pride (Matteu Warchus, 2014) amosa un precedente: o dos rudos mineiros galeses en folga que, superando contradicións, valoraron a solidariedade do incipiente movemento homosexual do Londres dos 80. No filme soan os Smiths: a mestura do vello paradigma do rock coas novas maneiras de virilidade; isto é, coa nova virtus –por dicilo republicanamente- que se abre paso.

Comentarios