Opinión

Aires

"Con la pradera cónvaca del cielo / lindan en torno tus desnudos campos, tiene en ti cuna el sol y en ti sepulcro / y en ti santuario». Así cantaba Unamuno a paisaxe de Castela. O tropo é habitual. Castela, e por extensión España, é unha terra castigada polos elementos pero posuidora dunha nobreza espiritual implícita. Unha dualidade cristiá aplicada á materialidade das chairas e os colados. Esta segunda natureza mística fai de Castela, e por extensión de España, unha realidade metafísica que sobarda calquera tentativa de abordaxe do seu ser en clave racional.

Quen viaxa polo recocido centro-sur español do cambio climático axiña descobre que a dualidade mudou. A parquedade horizontal da paisaxe xa non contrasta, para os nativos, coa verticalidade das igrexas, as alabardas e os mastros de caravela. O ennobrecemento simbólico do terrón seco toma hogano a fasquía dun elemento moito máis prosaico: o aire acondicionado. Os viaxeiros de terras máis moderadas climaticamente logo se afán a este milagre. O aire acondicionado constrúe hoxe unha Castela dentro de Castela. Unha natureza duplicada que fai á primixenia máis habitable.

O aire acondicionado é un logro da modernización. A España que abandonou o subdesenvolvemento mídese, nas terras do centro, en cantidade de aire arrefriado artificialmente. A España física acadou o suficiente grao de riqueza para modificar o seu aire, e se ben a ausencia de parques eólicos na longa sucesión de kms polas chairas centrais poñen en dúbida a autarquía destas terras en materia enerxética, non hai vivenda sen aparato do aire no balcón. 

Renovar o sufocante aire mesetario leva sendo tarefa de todos os que soñaron cun Estado español politicamente habitable. Nese eido todo segue por facer. No centro-sur, a prevalencia da España sen acondicionar móstrase en rojigualdas por metro cadrado. Unha pervivencia sociolóxica da Castela de antano. 

Mentres repouso ao amparo do aire acondicionado nun hotel, o brazo político da dereita chamado Tribunal Constitucional resolveu contra o confinamento decretado a comezos da pandemia de Covid-19 polo goberno Sánchez. Un estadullazo de Constitución na cara dos melífluos socialistas que despreza as vidas salvadas. Nada novo. A lei formal antes que a realidade. Axioma familiar para todos os que, con distintas estratexias, quixeron mudar, no pasado, os estancados aires políticos do Estado español por outros máis refrescantes.

Comentarios