Opinión

Afganistán e a decadencia

A primeira vítima do exército español en Afganistán foi unha rapaza galega de Friol. Unha mina estoupou ao seu paso acabando coa súa vida. Malia a dureza do asunto, nada novo aquí. O noso país foi, historicamente, fornecedor de carne de canón en numerosos conflitos bélicos. Tamén nisto padecen os naturais de Galiza a condición periférica do país. 

Porén, no que ao conflito de Afganistán se refire, semella haber algunha novidade substancial alén do esperpéntico e inxusto da situación en que queda o país. O actual presidente dos EEUU expúxoo con gran claridade en comparecencia televisiva: a misión en Afganistán nunca fora sobre construción nacional (nation building) senón sobre contraterrorismo. Ademais, Biden cargou contra os propios afgáns por non teren loitado o suficiente para combater os talibáns.

As declaracións sorprenden, máis ao estarmos ante un presidente Demócrata. Se a algo se dedicou a acción exterior do imperio americano desde os seus comezos foi, precisamente, ao nation building envolto en Teoría da Modernización (pensemos na Europa de posguerra). Alí onde este nation building non necesitaba o paraugas democrático, a “modernización” levouse a cabo por vías autoritarias (España ou Chile). Nos lugares nos que o contido material da modernización non era prioritario, as intervencións arroupábanse de retórica anticomunista e de promesa difusa de liberdade (a Centroamérica dos oitenta).

Coa fin da URSS, as intervencións dos EEUU enmarcábanse co ideoloxema da exportación do modelo de democracia americana (Oriente Medio). É dicir, a acción exterior dos EEUU, dun xeito sincero ou cínico, nunca se xustificou coa crueza coa que o fixo Biden a propósito dun país controlado durante 20 anos con tropas e un goberno títere.

Non sabemos se Afganistán constituirá un punto de inflexión no que respecta ao futuro da globalización. Porén, parece razoable pensar que os eventos aos que asistimos encerran unha importancia que vai alén do padecemento que traerá aos afgáns o antroido medieval talibán. Cabe sospeitar que o repregue de Trump na política nacional viña condicionado por algo máis que as arroutadas dun excéntrico. O esgotamento do modelo neoliberal, os límites que impón a natureza ou a emerxencia de novos actores políticos capaces de facer sombra aos EEUU poden ter que ver co sálvese quen poida que a ata agora primeira potencia mundial está a aplicar no malfadado país asiático.

Comentarios