Opinión

Administrar o futuro

Nos sistemas de democracia administrada occidentais unha das tarefas fundamentais do poder é xestionar as esperanzas depositadas no futuro. A invención do American way of life como paradigma de progreso, a promesa da redistribución económica mediante o trickle down effect (efecto goteo) da xeira neoliberal, a periclitación da Historia na éxtase fukuyamista son formas ideolóxicas de xestión dun horizonte temporal. En Europa, a creación da gran narrativa civilizadora arredor da idea dunha unión de Estados baseada no modelo económico renano que puxese fin ás guerras en solo continental e humanizase o capitalismo global actuou, ata a crise de 2008 e o Brexit, como outra subtrama dese futuro administrado.

Este tipo de ítems ideolóxicos tiñan o seu reverso negativo: o comunismo soviético, o nacionalismo non aliñado. No cénit neoliberal foron os pobos árabes, malfadados donos do petróleo abundante, os desestabilizadores na sombra -a través da figura do terrorista islámico- do futuro esplendoroso. China era necesaria para a financiarización do dólar que alargaría a vida do hexemón e Rusia padecía a resaca da bebedeira ieltsiniana. Un atentado islamista en Nova York sinalaba a vulnerabilidade.

O outro gran reto á administración do futuro dos gobernos occidentais foi a evidencia do cambio climático. A degradación dos ecosistemas que pon en risco a viabilidade da vida na Terra ameazaba con facer do ecoloxismo o novo comunismo. Efecto sandía: verde por fóra, vermello por dentro. Finais dos 80: a vitoria dos Realos sobre os Fundis no seo dos verdes alemáns mostrou un camiño: cooptar o discurso ecolóxico era posible. A utopía ecocapitalita tinguiría de clorofila os spots publicitarios mesmo das multinacionais máis poluíntes.

No crepúsculo do verán de 2022 todas estas narrativas semellan gastadas. Os mandatarios dos países europeos alertan, coma personaxes dunha serie de HBO, de que se achega o inverno. Sen gas ruso, a ameaza do frío é literal, mais a advertencia debe ser comprendida tamén como dispositivo ideolóxico. "A guerra de Ucraína é semellante á IGM", di a inefable Margarita Robles, recoñecendo que o momento é máis parecido ao do transo da hexemonía inglesa á ianqui que ao da loita contra o nazismo. Macron, en modo Johnny Rotten, profetiza o peak de case que todo. Os administradores de futuros non teñen nada que ofrecer: No future for you. Malas novas para a democracia: esta só é compatible co capitalismo cando é administrada.

Comentarios