Opinión

Sobre faixas a prol do dereito ao aborto e esvásticas. A “Lei do deporte" como excusa

Como saberán as e os lectores do Sermos Galiza, debido á polémica que suscitou, o pasado domingo no Estadio Municipal de Riazor a seguridade privada contratada polo Real Clube Deportivo da Coruña retiraba unha faixa de varios metros que tiña sido pendurada, en reivindicación do Dereito ao Aborto público e gratuíto, pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto da Coruña.

Como saberán as e os lectores do Sermos Galiza, debido á polémica que suscitou, o pasado domingo no Estadio Municipal de Riazor a seguridade privada contratada polo Real Clube Deportivo da Coruña retiraba unha faixa de varios metros que tiña sido pendurada, en reivindicación do Dereito ao Aborto público e gratuíto, pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto da Coruña.

Esta actuación da seguridade privada do estadio cobraba maior relevancia por canto que -sendo o partido contra o Sporting de Gijón, un rival directo do Deportivo na pugna polo ascenso directo á división de honra- na bancada na que se ubicaban os perto de 7000 seareiros/as asturianos/as lucían durante todo o encontro penduradas dúas bandeiras que simulaban as esvásticas usadas polo rexime nazi no III Reich e na II Grande Guerra. 

"A mesma seguridade privada que, apoiada en efectivos da UIP da Policía española, retiraba a faixa que reivindicaba o dereito ao aborto , mantiña unha actitude de absoluta compracencia coa exhibición de apoloxía názi" 

Víamos así cómo a mesma seguridade privada que, apoiada en efectivos da UIP da Policía española, retiraba a faixa que reivindicaba o dereito ao aborto , mantiña unha actitude de absoluta compracencia coa exhibición de apoloxía názi que se estaba a producir na bancada visitante.

A polémica en torno á exhibición e introdución de símbolos reivindicativos e bandeiras nos recintos deportivos non é nova. Lembrarán vostedes o problema que quen lles escribe e moitos outros deportivista tivemos no estadio José Zorrilla cando quixemos introducir unhas bandeiras estreleiras no partido que o RC Deportivo celebrada contra o Valladolid na pasada temporada, problemas que se traduciron en requisas de bandeiras, ameazas de expulsión do estadio ou mesmo de adopción de medidas sancionadoras pola mera tenza da estreleira. Feitos similares lembrarán vostedes que se suceden no caso doutras hinchadas, como a celeste e o famoso caso dos “follavacas” ou no caso do Obradoiro de baloncesto, sendo sempre o nexo de unión a represión contra da bandeira galega estreleira e o que a mesma representa de reivindicación e loita tanto no plano social como nacional. 

"Sendo sempre o nexo de unión a represión contra da bandeira galega estreleira e o que a mesma representa de reivindicación e loita tanto no plano social como nacional" 

Sendo tan recurrente por parte dos mandos policiais e gobernativos a remisión á “Lei do Deporte” –lembremos que o episodio do veto ás estreleiras no Estadio José Zorrilla vallisoletano fora levado ao Parlamento español polo BNG, téndose obtivo como resposta polo Ministerio do Interior que as estreleiras podian incitar á violencia-  a un entroulle a curiosidade, máis que nada porque adoita levar a bandeira estreleira a Riazor, de deterse nese texto legal. E é aquí cando ven a sorpresa.

Logo dun Preámbulo no que o lexislador recolle que “A crecente preocupación polo incremento da violencia nos espectáculos deportivos ou en torno aos mesmos xustifica que a Lei incorpore determinadas medidas para loitar contra o fenómenos da violencia neste ámbito”, o Título IX regula a “Prevención da Violencia nos espectáculos deportivos”, sinalando no seu artigo 66.1 que “Queda prohibiba a introdución e exhibición en espectáculos deportivos de pancartas, símbolos, emblemas ou lendas que (…) poida ser considerado como un acto que incite, fomente ou axude aos comportamentos violentos, xenófobos, racistas ou terroristas.”, continuando para sinalar que “Os organizadores dos espectáculos veñen obrigados á súa retirada inmediata”.

"A Lei do Deporte non permite introducir nin exhibir símbolos que inciten á violencia, ao racismo e á xenofobia"

Sí, líchedes ben. A Lei do Deporte non permite introducir nin exhibir símbolos que inciten á violencia, ao racismo e á xenofobia, mais porén, como se dun Expediente X  se tratase e sen explicación razonable, no Estadio de Riazor, cunha actitude connivente entre a seguridade privada, a policía española e a directiva do RC Deportivo, retirouse unha faixa que reivindicaba un dereito como o do aborto, mentres se permitia que esas bandeiras imitando a estética nazi, e cuxas fotografías  xa publicou este mesmo diario dixital, “lucisen” durante os 90  minutos.

Por máis voltas que un queira darlle, o espírito e o teor literal da norma é claro, meridianamente claro incluso, e non dá lugar a ningún tipo de equívoco nin de posibilidade interpretativa. Polo tanto, se a norma prohibe a exhibición de símbolos que inciten á violencia e que fagan apoloxía da xenofobia e o racismo, non atopa quen lles escribe base legal algunha para permitir a presenza de dúas bandeiras que inequívocamente imitan ás esvásticas mentres se actúa coa máxima contundencia contra bandeiras estreleiras legais ou contra faixas que tan só reclaman, de xeito pacífico e no exercicio da liberdade de expresión, o Dereito ao Aborto.

"A Lei do Deporte é unha mera excusa para silenciar nomeadamente as reivindicacións sociais e nacionais"

Visto o visto, e como reza o título do artigo, queda comprobado que a Lei do Deporte é unha mera excusa que serve para silenciar o que en cada momento interesa, e como vemos e sufrimos nas nosas propias carnes, para silenciar e invisibilizar nomeadamente as reivindicacións sociais como neste caso a do dereito ao aborto público e gratuito- e nacionais –no caso das estreleiras- que sempre pacíficamente se queren introducir nos recintos deportivos. Para iso sí que botan man da Lei do Deporte, esquecéndoa misteriosamente cando da exhibición de emblemas racistas e xenófobos –expresamente contemplados no arti 66.1- se trata.

Asistimos, polo tanto, á aplicación sectaria dunha norma legal, a utilización e interpretación dunha lei cun sesgo ideolóxico insoportable. Sectarismo que fai que se mire con lupa unha faixa cunha pacífica reivindicación social e que ao tempo se mire, pero para outro lado, ante unha bandeira que fai apoloxía e imitación das que exhibían os nazis no apoxeu do seu delirio racista e asasino. Isto e non outra cousa foi o que aconteceu o pasado domingo en Riazor, onde a Lei do Deporte foi a excusa para silenciar unha xusta reivindicación social.  

DAVID PENA DIAZ é Socio e Accionista do Real Clube Deportivo da Coruña e Avogado Laboralista. 

Comentarios