Opinión

Violencia

Este mes a maior intensidade leva ás mulleres no corazón. E polo mesmo a postura clara de ir con elas en contra de toda agresión derivada de actitudes sexistas baseadas na desigualdade de xénero. A violencia contra a muller ten que ser evitable e non soamente telas en conta cando se traten temas de xénero. Hai que ir contra toda dominación e cambiar o sistema de raíz. Todo o que non sexa ir ao fondo diso para transformalo, será pura decepción. O camiño non se fai indo de erro en erro. “A muller, como dixo Laurence Ferlinghetti, ha liberarse a si mesma do piar no que a colocou o home principalmente”.

Pero hoxe en especial queremos referirnos á violencia que padecen as mulleres maiores. Moitas son as vulneracións dos seus direitos, as submisións e deben ser visibilizadas. Non poden seguir nos silencios, nos medos, nas soidades, nas dependencias económicas, infravaloradas, pouco representadas, excluídas. Basta de aguantar e resignarse. Non poden quedar de lado as vidas sufridas das nosas maiores. Vidas “ roubadas”, con maltratos, limitadas, manipuladas. Vidas con violencia física, pero sobre todo sicolóxica de forte impacto. Os efectos son demoledores. Chegan sentirse culpables, inferiores. Que o merecen. Velaí están as desigualdades desde o rural ás ciudades. Non son mulleres pasivas, pero están soas. Merecen campañas de prevención e de sensibilización destinadas a elas, pois até mesmo por veces non son conscientes dos maltratos. Teñen que coller as vidas en propiedade. Están pouco representadas. Merecen atención. O día vintecinco das mulleres non pode ser unha celebración.

Comentarios