Opinión

Toca coller carteira

Indo de camiño polas autoestradas fomos vendo os anuncios de como iamos nas fases da alarma da pandemia. Anunciábano (pensaremos ben?) por información, pois o traballo, propaganda ou loita, do PP para inclinar votos o 12-X, xa hai tempo que o fan. Agora os anuncios poñerán xa que estamos en nova normalidade. Todo moi bonito. Pisouse o acelerador e tocará ver como collemos carreira (re)pensándonos para satisfacer os quereres dunha Galiza responsable, na dignidade, habitable e sostible e para lle poñer fronte, que non ha ser doado, ao que nos vai chegar. Toca dicirlle si a este pobo. A intensidade da nosa historia levará a verdade das veces que lle dixemos si.

Dise que a inspiración vai na intuición e por iso nela, entenderemos como facer ben as cousas. Esta crise leva consigo afortecer dereitos e demanda oportunidades para Galiza. Non vale seguir no de achicar auga do barco para afogar o máis tarde posible. O barco temos que telo na maior seguridade. Como di Arnaldo Otegi: “hai que botar o país aos ombreiros, elaborar propostas e crear máis identidade. Ten que haber unha nova xeración que tamén se poña nesa responsabilidade para que botemos a andar”. Se a Xunta se considera maior de idade,que se vexa nos feitos e non nos anuncios. Estamos fartos de que nos prometan o ceo e a terra, pero non sabemos onde en que lugar. O ben para poucos non fai definición determinante deste pobo. Non podemos permitir a discriminación do diferente. Non vale o de “sexan razoables e confórmense con nada”. E polo mesmo para voar, antes non hai que arrastrarse. Hai que coller carreira como é debido.

Comentarios