Opinión

Sr. Presidente (I)

Quen se dirixe a Vde é un galego, mestre con corenta anos de servizo, entre aldeán e urbano, pois nacín en Compostela, pero a tribu élle do Ribeiro alto, Punxín e San Amaro. 

Quen se dirixe a Vde é un galego, mestre con corenta anos de servizo, entre aldeán e urbano, pois nacín en Compostela, pero a tribu élle do Ribeiro alto, Punxín e San Amaro. Estou contento e feliz de ir de camiño a dicirse, como Manuel María, aínda que el xa o fixo en vida,  galego normalizado e xa que logo todos os días esperta na marabilla de sentir ( un pouco máis que onte) como se vai construíndo Galicia e en especial o Pobo do Galego e por iso, se o tiver Vde a ben, referirlle o que segue para que me dea atención ( e grazas pois de antemán se así for).

"Oenvite que invoca e que nomea con tanto galano, non llo faga á oposición, nin aos da Quintana, nin aos do Obradoiro, nin a tantas e tantos que vostede sabe.Fágalle de primeiras ese envite, para comezar a ser operativo, aos seus, aos que o colocaron onde está" 

Mire…os xestos que vostede fai estes días e témporas ( pois os que fixo sabémolos ben e sufrímolos ) non o son para dinamizar a nosa Lingua Galega ( Galega, si, que non lle é outra).Non van cara dar pulos á súa normalización como deber. Vostede quere mover(se) algo, non moito que non vaia ser, algo digo para que nada se mova ao seu redor ( velaí a súa advertencia tallante de que de tocar o decretazo…nanai…ren de ren). Xa verá como iso se ha ver no tempo, si, as consecuencias, xusto as das súas intransixencias, baseadas en proposta e vontade infalibles, de  prepotente e de esencia pouco negociadora ( e claro…daquela…Vde saíra escopetado a declarar que a culpa non é súa , nin do goberno do PP…e logo de quen xa é, foi e será…?). Agora tócalle e fai ruído mediático, pero desde o sítio e regulando a voz do que di. Dígollo…vai para ningures.

Mire, e de primeiras, o envite que invoca e que nomea con tanto galano, non llo faga á oposición, nin aos da Quintana, nin aos do Obradoiro, nin a tantas e tantos que vostede sabe ( pois xa lle están fartos de llo facer elas e eles a Vde e sabe?...nadiña). Fágalle de primeiras ese envite, para comezar a ser operativo, aos seus, aos que o colocaron onde está ( aos da GB tamén, que pecaron e  pecan tanto contra o noso idioma galego ). Si…escoite aos seus, as súas responsabilidades coa Lingua Galega ( nosa e delas e deles, si…nosa). Esas e eses  que son quen lle dan voz e pólvora, traca, á palabra “ imposición”, atándose a outra ( que debese ser consecuencia do respecto e do recoñecemento) e á que tamén lle dan volume, digo: “ liberdade” ( unha liberdade  que a entenden para falar o que se queira, pero sobre todo para seguir no español e ir contra a presenza normal- obrigada por lei?- da nosa Lingua Galega. E así tamén para “ gobernala” e tela controlada a agonía e morte, pois vostede mesmo recordará nalgún lugar de prédica, direi que nalgún mítin en Ourense, coa presenza dun amigo de fóra, basco para máis dicir, onde vostede expresaba fachendoso a peito aberto e dirixíndose a el: “ mira fulano…aquí no te es como allá, aquí hablamos como queremos”. E pregunto se diría Vde iso “ de falar como se queira…” noutro lugar con lingua propia. Noutro lugar que non fose aquí, no seu pobo, onde non pocas e poucos xogan sen acaloro algún co noso idioma e valórano en negativo, gobérnano a decreto e mando ( ex. Por decir algúns, Xunta, Concellos de Carballiño e A Coruña, que me di ?) e iso logo póñeno  como obra salientable, tamén como mérito que argumentar no “faescentralismo” para ver de poder marcharse deste pobo ( e quizabes vir polo verán á mariña para tomar baños e presumir en náuticos) e poñerse no machito, poño por caso, nun ministerio? . Son vostedes santos obedientes de aló ( pero pecadores de aquí). Todo á conta dos nosos males ( digo dos das galegas e dos galegos).Serven ou sérvense…?

"A aprobación do decreto, a anulación da parte substancial da LNL, non son Sr Presidente, actos políticos explícitos?"

Fale en serio cos seus e déixense de interferir ( escorrentar) falando explícitamente da “ politización” do galego como se iso, a tarefa política, non fose con vostedes ( “anxiños neutros de pureza inmedible onde o seu reino non é deste mundo”, pero o poder si que o é ). Acaso non cobran por exercer como políticos, políticamente, o goberno ( e o desgoberno) de Galicia ?. Non anden de coñas e fagan menos meadas. Que sentido ten de nor facer política un organismo como a Secretaría Xeral de Política Lingüística? Que sentido ten a Política Lingüística do seu Goberno? ( non ve…política…política…Lingua). Se non queren politizar as cousas pasen á sociedade civil ( que tamén é política, claro) e deixen espazo a quen o faga. A aprobación do decreto, a anulación da parte substancial da LNL, non son Sr Presidente, actos políticos explícitos? ( a vostedes, polo que se ve, tócalles sempre a folla do si da margarida e aos demáis o non, que sorte teñen).Fale cos seus.Explíquelles o Proxecto e que teña traxecto.Non son poucas, nin poucos.Desta maneira e na responsabilidade de dinamizar en serio a nosa Lingua Galega todas e todos xuntos podemos facer unha fronte imparable.Perfectamente normalizadora. Eficaz. 

Póñanse á obra que nós, os que Vde considera oposición , os do galego politizado, xa hai ben tempo que lle estamos nela con todas as nosas forzas e posibles. Mesmo como un caso particular de Penélope ( nós tecemos e veñen outras e outros e a pleno día e a plena noite destécennos o que poden e máis). Non lle imos de víctimas, pero os males que nos fan, dígame, a quen lle doen? Fálelles aos seus e convénzaos.Xa verá canto imos andar se vostedes queren.Mírense ben e saquen conclusións.Collan responsabilidades Adiante.Nós estamos onde sempre estivemos.

Nós témoslle amor á nosa Lingua Galega. Cantámoslle e escribímoslle entre moitas outras cousas. Vostedes, Sr Presidente,  tamén lle escriben…si.. escríbenlle en papel DOGA decretos para decotala.

Comentarios