Opinión

Setembro de marabillas

A ninguén lle escapa que andamos moi preocupados polas cousas que nos atinxen e moi en especial polo referido á educación e á saúde. Unha e outra van no mesmo carro e así tamén dependentes para as súas solucións.

A cousa non está para botar foguetes. Hai que intervir clarificando, pois iso vale para construír futuro. Non hai que interferir alodando, nin disimulando as incompetencias, como fai Feijoo e cargos públicos, botándolle culpas a quen agora non lles toca. O sistema sanitario público está desmantelado e o educativo embocado á privatización.

O medre continuado duns poucos pon como principio a explotación absoluta das vidas humanas e non podemos vivir un sistema que nos faga sentir perdedores todos os días. Desta que nos vén han librarnos quen nos meteron nela? Con que nivel político actuaremos?

Non hai volta. As solucións creativas que se dean para un setembro de marabillas dependerán dos debates que se dean, os cales, sendo radicais polo contido, tempos e prioridades, manteranse honestos. Nada de demagoxias, nin palabrería barata que non leva a ningún sitio. Setembro de marabillas é incompatible coa improvisación gobernamental galega. Moito menos co seu escurantismo de cada día.

Queremos ver a Feijoo (ou quen proceda) dando explicacións claras, precisas, firmes, que non xeren desconfianzas. Información. Asumindo as súas responsabilidades e as súas competencias. Valorando a cidadanía, pois a sociedade galega xógase moito neste senvivir. Luz, moita luz. Transparencia. Teñen a palabra.

Comentarios