Opinión

Prepararse

Mesmo arestora precisamos un pensamento alternativo que se alimente con honestidade das nosas aspiracións como pobo. Toca reinventarse. Toca eficacia. E niso aflora o dereito de emprender o noso destino. Na nova normalidade intuímos que na axenda do Goberno de Galicia, a imaxe do pasado reflíctese real no noso futuro. Non nos gusta. Pensamos no que falta e así poñernos na semente dos novos cambios para ben deste pobo. O terreo é fértil e o lamento non basta. O efecto tóxico do poder non é pouco. Hai que saber dos vimbios de facer os cestos e coñecer as inconformidades. Estas non se miden soamente polo volume de voz. Mídense en confianzas. Hai que prepararse.

Isto vén a conto pois pensamos que se está a estudar que e como se van destinar os fondos europeos que nos correspondan. Que proxectos se entregaron? Definirán a esencia do público? Faranse dereitos das necesidades? Quedaremos como cidadanía vulnerada e vulnerable? Vese que é urxente un debate político aberto que leve consigo chegar a solucións democráticas, pois o tema non é gastar, senón que hai que facelo ben, con valentía e sen recortes. Os servizos públicos son prioritarios. Todo para mellorar a quen peor están. Así será falar da equidade que pon guapa a liberdade. E será responsabilidade do Goberno de Galicia. Non bastan as palabrerías de axentes do privado que buscan aplausos parlamentarios de maiorías, que non sempre teñen razón. Son horas da restauración do público militando nas esperanzas que constrúamos. Intuamos a política que nos agarda. Nada de apaños. O imposible non é o concepto. Hai oportunidades. Prepararse.

Comentarios