Opinión

PG

Moitas galegas e galegos polos comezos dos anos trinta concordaban coas palabras de Don Paco del Riego: “Galiza non poderá coidarse ceibe, namentres que estea xuncida ao carro do centralismo, namentres non desmendrellemos esa argola que estrangula nosas liberdades e nosos dereitos. Galiza non poderá ser grande, namentres que os seus deputados se dean o pracer de pasear por Madrid a súa “fanfarria” sen traballar pola emancipación da terra”. Era así como en Galiza o proxecto político ía nos desexos. E V. Paz Andrade dicía: "No concerto polífono do mundo, a nota galega ten de volver a soar. E soará pola forza que en si leva a nosa arela autonomista. A pureza e a fe nos fan ollar ao porvir sen impaciencias, sen outros desacougos que os da tarefa sagrada de restituír a nosa Terra o control dos seus destinos”. Así o cinco e seis de nadal na VII Asemblea do Nacionalismo Galego, no ideario fundamental da primeira de Lugo do ano dezaoito, fórmase o Partido Galeguista. Galiza defínese como unidade cultural, pobo autónomo, comunidade cooperativa e célula de universalidade. Canto optimismo respecto ao porvir.

Por iso, nestas datas de nadal, na boa vila, se celebran os noventa anos daquel feito político nacional. O PG. E niso vai (nos corenta e tres anos da Constitución) a responsabilidade da loita polo dereito de Galiza a decidir. As nosas capacidades de decisión, no carácter democrático e pacífico da acción política, precisan de medios e ferramentas para os retos que se nos aveciñan. Os nosos dereitos como nación non poden estar atados de pés e mans. Nada de seguir comendo “sapos togados”.

Comentarios