Opinión

Pensemos de agora a setembro

O sistema educativo galego atópase con moitos problemas. Tampouco se nega que no seu desenvolvemento e desde o Goberno de Galicia houbo e hai intereses particulares e partidistas. Non é doado ser ensinante independente, pero do privado é imposible, aínda que se saiba dalgún heroe. A educación non é “inmaculada”, pero tanto tráfico de manipulacións non gusta nada. Que se venda a modernización do ensino metendo nel o privado e a xestión empresarial e presumir dos recortes de medios e de profesorado como eficacia, iso farta. A educación non é unha mercadoría, nin un mercado, e polo tanto non se pode permitir, nin prestarse, a que, coa privatización de contidos e funcionalidades, se queira converter o ensino público nunha institución de formación de traballadoras e traballadores que se adapten á precariedade e a cambiaren de traballo, segundo o precisen os mercados e as empresas. As desigualdades que se xeran, non son para tomalas a risa. Nisto e aquí si que se debe exercer o “sentidiño” de verdade. A participación ha ser un obxectivo común e compartido, xa que as maiorías teñen que saber xestionarse e as minorías hai que telas en conta, pois ben á vista está que non son poucos os documentos regresivos que se lle presentan ao profesorado e aos sindicatos. Documentos non negociados (nin negociables?).E así queren manter ou recuperar as ilusións? Queren superar a tendencia ao conformismo, á apatía, ao aburrimento? Saben da dignidade ? X. Luis Rivas ‘Mini’ hai tempo preguntaba: é posible manter o sentimento de derrota sen batalla? Pensemos de aquí a setembro.

Comentarios