Opinión

Normalidade

Estamos no anaco de xuño no que a vella aínda queima o tallo, e imos pensando no que podería (debería) ser a normalidade que nos agarde en tempos poscovid-19. Como din algúns, estamos na boca dun túnel e para tránsito e saída convén reflexionar cos pés na terra e con firmeza dar voz e feitos ás propostas que elaboremos sen perder a conciencia do que tamén aprendemos durante a pandemia, pois deixou en evidencia a debilidade do noso sistema. Xa non se pode seguir facendo o de sempre. O nivel de desigualdades é moi alto e a fenda moi fonda. Non poden pillarnos fóra de xogo, pois como di A. Otegui “miremos como nos poñemos de pé e cal será o rumbo”. Por iso tamén convén non perder de vista o doce de xullo. Os resultados indicarán por onde ir. A cousa non é pequena.

E nestas, aí os temos, a avisadores e avisadoras, infestados de fake news, serventes intelectuais de quen vemos e de quen non, pero que xuntos apértannos de moito nabo, facéndonos ver colocados ao bordo dos cantís, con mensaxes de desastres inminentes, pregoando a discursos lardosos, o moito que lles preocupa este noso pobo e a democracia e polo mesmo piden liberdade, postos na fura de adiante, con olas e cazos e de bo ver, e que lles fagamos caso. Está visto que con esta tropa calquera desvarío ( ou frenesí) pode acabar sendo normal e previsible. Nós non estamos por esas e menos co esbardallar dos que practican a fraude do poder e que lles resulte rendible. Na quentura de poucos, nós non debemos pasar frío. Mellor poñernos con quen loitan e traballan para que gustemos do azucrado dunha consentida normalidade.

Comentarios