Opinión

Na casa

Nestes días de gardar casa (que aínda serán quince máis), con Madrid fluíndo virus e sen pechar, con Galiza sen blindar, co seu presidente sacando peito e pedindo para remediar o que non fixo, cando debería prevelo, pensamos que son tempos que han ter tempos para pensar sobre nós e os e as nosas. Facelo tomando como principal referente este confinarnos e a que é debido. A COVID-19. E así ver como sufrimos aspectos negativos da sanidade pública como recortes, razóns xerenciais sobre as asistencias, sanitarios (formas de atencións), que deben ser (re)pensados para ben e acougo de nós. Emendalos eficazmente será responsabilidade dos gobernos, pois o que se lle pide á cidadanía hai que velo nos que llo piden. A filosofía universal non é o todo vale. Por outra parte, notamos que a COVID-19 non é ciencia ficción, porén estamos nun trastorno cotián. A comunidade científica avisa que a maior agresión e explotación dos recursos naturais (trastornos da ecoloxía e aumento das intervencións dos homes nos espazos naturais) fará medrar as posibilidades de que xurdan outros novos virus. Que esta COVID-19 non vai ser o peor. Iso conleva elaborar outro equilibrio de nós. As relacións, a convivencia, a esencia de cidadanía, ten (e debe) reconstruírse. A globalización está quedando en evidencia. Faise preciso un mundo mellor desde a presenza soberana dos pobos. O de perto para facer grande. Dise que o virus non se dá  a distingos, pero sufrilo non vai en todos por igual. No sosego debemos reflexionar. Vaiamos na sabedoría que dá a experiencia. A vida pode (debe) ser outra cousa.

Comentarios