Opinión

Mocidade

Con contento notamos o afortecer dunha mocidade galega triunfante, que posta nun novo ciclo recolle a obra feita e na loita, con audacia e rebeldía, erguendo no noso pobo a autoestima, rúa polo vieiro de (re)construción da patria e matria natural que é Galiza. Ben lles serven as palabras de Bóveda cando dixo: “pódese afirmar sen rodeos que Galiza é unha nazón, con lingua, historia, xeografía, economía i'esprito completamente diferentes dos das demais nazóns peninsulares”. E así a mocidade ten conciencia de participar no proxecto de pobo que busca a realización política para que Galiza sexa dona de si e xa que logo, libre. Non deixan pasar os tempos, pois estes corren moito. Queren vida en dignidade e resistencia. Teñen presente que o “dereito a decidir” é o xermolo preciso de convivencia.

E na mocidade galega nace a de “Pola memoria histórica”. Unha alegría para Galiza. Van sen perder tempo no desexo de Bóveda: “agardar, andando”.

Decidindo que querer ser e convén como nación. Son nacionalistas con naturalidade xa libres dos equilibrios da transición e exprésanse na lingua. Desexan ser elas e eles mesmos e van fartos de tanta ficción democrática. E a Pola memoria galega e democrática afirman que o pasado ten dereitos e a memoria tamén.

Esquecer é morrer. Queren, desde a xustiza, proclamar a paz revisando impunidades, pois a verdade é imprescindible no camiño da reconciliación democrática.

Falarán de vítimas, pero tamén de executores, de torturas, pero tamén de torturadores. Non queren saír da tixola para meterse no lume. Beizóns pois de corazón ás mocidades.

Comentarios