Opinión

Método

Non poucas son as voces que a este agosto lle din “mes de memoria” e, polo tanto, ao pé da historia dos nosos nomes propios (que ben que lles gustaría aos asasinos e demais tropa da camarilla que fosen escondidos polo manto pesado do silencio e do esquecemento) , vítimas da represión cruel e sistemática a “todo por la patria”, debésemos describir, contar, interpretar, o que foi e iso si, para logo tratar de manter a limpeza da historia e cambiar as tornas, pois as súas memorias levan consigo defender as súas dignidades, xa que a razón non está de parte de quen se proclamaron e se proclaman patriotas con discursos que nos marean e que anteceden o vómito, si, de quen queren a toda costa poñer o contador a cero, dicindo “iso é pasado, hai que esquecelo, tapemos feridas” e asemade por remache bradar “España unha e grande” para que lles contestemos “amén”. Pois non vai ser, xa que nós no amoroso método do “machaqueo”, parándonos para intuír por onde coller, poñendo o futuro nas nosas mans, subindo e baixando, sabendo onde ir, seguimos na tarefa (pelexa) para tirar o muro de impunidade que nos arrodea. Non esquecemos que a represión non morreu co ditador, “o funeralísimo”. Hai que seguir no método de teimosía que nos encamiñe a pola verdade, que nos asegure xustiza e garantías de restauración. Manteñamos a porta aberta a unha reparación que debeu abordarse xa hai tempo por máis que os haxa que traten de impoñer o esquecemento, a memoria selectiva sobre a dolor causada, e faceren imposibles os listados de vítimas. A mítica transición foi unha montaxe. Hai que desmontarlles o circo.

Comentarios